O Estado devolve as empregadas do fogar á indefensión

Traballando nun fogar galego © CCOO

Menos dun ano despois de que entrase en vigor a integración das empregadas de fogar no réxime xeral da Seguridade Social e a mellora dos seus dereitos laborais, o Goberno central dálle unha volta de porca á norma. Un dos logros da integración, que a responsabilidade de todos os trámites recaese na persoa empregadora como no resto de traballos, cambia. A partir de agora, as empregadas de fogar que traballen menos de sesenta horas semanais terán que facerse cargo destes trámites se así o pactan traballadora e empregador ou empregadora.

O outro cambio de calado é a eliminación dalgúns tramos de cotización que existían para as empregadas do fogar. Desta forma -e á espera de coñecer os detalles- obrigaráselles a cotizar máis, por encima mesmo dos seus salarios reais. Ademais, a maioría de empregadas de fogar concentrábanse nos tramos de cotización máis baixos: a partir de agora terán que cotizar por tramos máis elevados e, por tanto, pagar máis.

As que traballen menos de sesenta horas semanais terán que facerse cargo dos trámites se así o "pactan" coa persoa que as emprega

Para o ministerio de Emprego estes cambios permitirán aumentar a recadación e mellorar as futuras prestacións das empregadas. Con todo, CCOO, que cualifica a reforma de "absurdo e inxustificado paso atrás", considera que é unha forma de 'sobrecotizar' para facer crecer a recadación.

"Pretende transferirlles ás traballadoras, en determinadas ocasións, responsabilidades que realmente lles corresponden aos seus empregadores", din. Responsabilidades como o deber de solicitar a alta ou asumir o ingreso das cotizacións sociais -tanto as que corresponden á traballadora como ao empregador- poderán ser agora asumidas polas traballadoras se así o acordan ambas as partes. Un factor que podería fomentar que este tipo de traballo volva mergullarse na economía negra.

As asociacións de empregadas do fogar sinalaron en varias ocasións que moitas delas -boa parte son inmigrantes- descoñecen os seus dereitos ou lles é moi complicado facer valer a súa posición nunha negociación sobre as súas condicións laborais. CCOO lembra, no entanto, que a responsabilidade subsidiaria de quen emprega mantense, polo que non poderá desentenderse das condicións nas que traballa a empregada do fogar.

En once meses o número de empregadas do fogar dadas de alta medrou en 114.000 en todo o Estado

Aínda que o Goberno se amosou insatisfeito cos resultados do proceso de integración das empregadas do fogar, tanto UGT como CCOO insistiron en que os efectos foron en xeral positivos e mencionan algunhas cifras.

Por exemplo, no últimos once meses o número de empregadas do fogar dadas de alta creceu en 114.000, o que supón un incremento de case o 40%, o que fixo que este sector sexa o único en crecer en afiliación nun contexto de destrución de emprego xeneralizada. "Esta cifra supón un terzo da economía mergullada que contempla a Enquisa de Poboación Activa", sinala o secretario de Seguridade Social de CCOO, Carlos Bravo. Ademais, pasouse de 294.000 empleadores declarados a 410.000.

No entanto, o alcance destes cambios coñecerase unha vez que o Real Decreto se publique no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Traballando nun fogar galego © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.