O Estado tenta conducir os defraudadores cara á amnistía fiscal

Sáenz de Santamaría informa da lei tras o Consello de Ministros © Goberno de España

Que non acollerse á amnistía fiscal non saia rendible. Este semella ser un dos obxectivos do proxecto de lei contra a fraude fiscal, que o Goberno central vén de comezar a tramitar. Dous meses despois de darlle luz verde á medida que consideraba unha "ocorrencia" na súa etapa na oposición -permite regularizar diñeiro negro pagando só o 10% do montante total- o gabinete de Mariano Rajoy tenta agora corrixir un dos seus puntos máis controvertidos. Ata o momento como norma xeral as rendas obtidas no estranxeiro e non declaradas só podían ser sancionadas, no caso de seren descubertas, no período correspondente aos últimos catro anos. Así as cousas, para moitos defraudadores seguía a ser rendible expose a seren descubertos e non ter que pagar o 10% da amnistía por unha fraude máis dilatada no tempo. De agora en diante esas rendas non prescribirán e, ademais, se son detectadas por Facenda serán obxecto dunha multa dun mínimo de 10.000 euros máis 5.000 por cada "dato ou conxunto de datos omitidos" -contas correntes ou inmobles, por exemplo-.

As rendas non declaradas no estranxeiro non prescribirán nunca e serán sancionadas con multas dun mínimo de 10.000 euros

Xunto a esta medida paliativa á controvertida amnistía o Goberno de España porá en marcha tamén outra iniciativa semellante ás que xa funcionan noutros Estados europeos, caso de Francia, no referido á limitación dos pagamentos en metálico. No momento en que entre vigor a nova normativa "non poderán pagarse en efectivo operacións iguais ou superiores a 2.500 euros" naquelas transaccións "nas que interveña, cando menos, un empresario ou profesional" aínda que cunha excepción. Se quen recibe o pagamento é "unha entidade de crédito", poderán seguir a circular os billetes e moedas. Nos demais casos o incumprimento traerá consigo unha multa de entre o 25% e o 100% do pagamento, a repartir "de forma solidaria" entre a persoa pagadora e a receptora dos cartos, "polo que a Administración poderá dirixirse a calquera deles", especifica a referencia do Consello de Ministros. En caso de que unha das partes implicadas sexa a que denuncie, quedará exenta da sanción. 

O endurecemento das sancións por "resistencia" ou "obstrución" ás inspeccións do fisco, con multas que poden chegar aos 600.000 euros, ou cambios na regulamentación do IVE na compra e venda de vivendas son, segundo a vicepresidenta, Soraya Sáenz de Santamaría, os camiños para que "declare todo o mundo" e "aumente a recadación" en pleno debate sobre a subida deste imposto. "Máis que o debate dos tipos, é importante que as bases sexan moi amplas". Na súa opinión, a clave é "rematar coa pregunta de 'con IVE ou sen IVE?". Segundo Sáenz de Santamaría a intención do Executivo central non é outra que evitar que os defraudadores "marchen de rositas" e calcula que grazas ao novo plan poderán chegar ás arcas do Estado uns 8.000 millóns de euros máis. A pregunta non respondida segue a ser, en todo caso, canto tempo máis poderá resistir o Goberno sen acceder á recomendación da UE de subir de novo o IVE.

Sáenz de Santamaría informa da lei tras o Consello de Ministros © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.