O estraño caso da menor de 25 cun contrato indefinido

Mozos formándose para traballaren como cociñeiros © Xunta

A pasada década foi letal para o desenvolvemento laboral da mocidade en Galicia. Dende o ano 2000 a xente nova con traballo descendeu case á metade e o persoal menor de 29 anos pasou de representar a cuarta parte da poboación activa do país a pesar apenas un 10% do total. O cada vez máis reducido espazo que o mercado de traballo galego reserva para as persas que se incorporan a el é, asemade, cada vez de peor calidade. Así, os datos máis recentes indican que a temporalidade segue a sendo un dos principais males que sofre a mocidade que traballa, convertendo unha persoa nova cun contrato indefinido en, practicamente, unha rareza.

Nos anos da bonanza económica ter menos de 25 anos era, a priori, unha vantaxe para acceder a determinados postos de traballo, especialmente os que implicaban traballar cara ao público. No entanto, unha vez pasadas as alegrías económicas, o número de persoas nesta franxa de idade e con traballo non deixou de reducirse. Só na última década, dende o ano 2009, os traballadores e traballadoras de entre 16 e 24 anos reducíronse nun 55% en Galicia ata quedar en algo menos de 32.000, segundo as cifras máis recentes da Enquisa de Poboación Activa.

Só unha de cada catro persoas asalariadas menores de 25 anos ten un contrato indefinido en Galicia

Desas 32.000 persoas menores de 25 anos que contan cun salario en Galicia, apenas unha de cada catro declara ter un contrato indefinido. Mentres, o 76% está instalada na temporalidade. Hai cinco anos o número de mozas e mozos cun contrato temporal era algo superior aos 46.000, mentres que tiñan contrato indefinido unhas 24.400. Isto implica, polo tanto, que a redución da mocidade asalariada a través da contratación temporal foi de practicamente o 50%, mentres que no caso da contratación idefinida a baixada superou o 65%.

Se abrimos un chisco máis o foco e situamos os 30 anos de idade como límite da análise a situación mellora, pero só un chisco. Entre a poboación asalariada menor de 29 anos a temporalidade afecta a case o 60% do persoal, mentres que os contratos indefinidos son só para o 41% dos traballadores e traballadoras, sete puntos menos que hai media década. A poboación ocupada galega nesta franxa de idade sufriu tamén un moi notable retroceso: hai cinco anos eran case 122.000 as persoas asalariadas en Galicia de entre 16 e 29 anos, mentres que a mediados de 2015 eran pouco máis de 67.000, unha redución superior ao 40%.

A mocidade ocupada no país reduciuse un 40% nos últimos cinco anos

Estas cifras poden axudar a explicar outras que non deixan de aumentar: as da mocidade galega que segue a vivir na casa dos pais. Como informou este diario, os datos máis recentes indican que nove de cada dez menores de 25 anos aínda non se emanciparon e case a metade das persoas de entre 25 e 34 anos fan o mesmo. Dentro dese grupo de mocidade que vive cos pais case a metade carece de ingresos e menos dun 40% ingresa cartos procedentes do traballo.

Mozos formándose para traballaren como cociñeiros © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.