Uns 1.200 millóns de euros sería o que tería que reintegrarse en depósitos no caso de que prospere a demanda colectiva que instou a Fiscalía para defender os afectados por participacións preferentes e subordinadas no país. Así o asegurou este martes o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, durante os Almorzos On/Off organizados polo Colexio Profesional de Xornalistas.
O fiscal advirte de que o preito podería chegar ao Supremo ou Luxemburgo se non prospera en Galicia
Ademais, Varela lembrou que o preito podería chegar ao Tribunal Supremo ou incluso a Luxemburgo no caso de que fose desestimado polo xuulgado de primeira instancia no que se está a seguir. A intención, tal e como aclarou o fiscal, é que se "faga ver que hai unha práctica abusiva e que é preciso que se declare a súa cesación, que leva aparellada a nulidade desa práctica, e conseguir a restitución dos depósitos".
Tamén fixo referencia Carlos Varela aos escraches que desde hai semanas se están a levar a cabo ante os domicilios de diferentes cargos públicos. Así, destacou que acaba de recibir un oficio da Fiscalía Xeral do Estado na que se lle require, como ao resto de fiscalías autonómicas, que informe dos casos que acontezan en Galicia, para "analizar a posible trascendencia xurídico-penal" destas accións. O fiscal achegou a súa opinión e cre que é preciso "analizar caso por caso" cada acción para poder inferir posibles responsabilidades xa que "non se pode establecer un padrón xeral".
Varela non ve nada "punible" nas fotos de Feijóo e Dorado pero entende que formen parte do "debate político"
Do mesmo xeito, o fiscal superior mostrou a súa vontade de colaborar na comisión contra a corrupción creada no Parlamento de Galicia e recordou que xa aachegou á Cámara unha análise comparada dos modelos internacionais na que se establecían mecanismos preventivos ante posibles fenómenos de corrupción.
O fiscal superior de Galicia, para rematar, tamén falou das polémicas fotografías do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co narcotraficante Marcial Dorado. Para Varela, as imaxes "non son punibles", pero si entende que formen parte do "debate político" no que, aclara, non quere "interferir".