O FMI di que non se fixo dabondo contra a crise e censura a eurozona

Christine Lagarde, directora xerente do FMI CC-BY-NC-SA Banco Mundial

O Fondo Monetario Internacional (FMI) di agora que non se fixo dabondo para impedir a expansión da crise na eurozona e solicita "un cambio nas políticas do xogo". Segundo o organismo, a grave situación actual está a afectar de xeito  moi duro ao bloque sinalado, pero tamén aos seus veciños máis pequenos, unha advertencia que fai nun informe no que analiza como as políticas económicas do chamadas "cinco economías sistémicas" (Estados Unidos, China, Xapón, Reino Unido e a eurozona) aquelas que se afectan mutuamente e ao resto do mundo.

"Non se fixo dabondo para evitar a propagación da tensión e atenuar os bucles de retroalimentación fiscais e bancarios"

Para o FMI, a crise en Europa é a maior preocupación. "Malia os progresos feitos, a sensación é que non se fixo dabondo para evitar a propagación da tensión e atenuar os bucles de retroalimentación fiscais e bancarios respecto do crecemento", di o organismo.

No peor dos escenarios simulados polo FMI, a produción da eurozona caeu en cinco puntos porcentuais debido ao que considera inacción ante o agravamento da crise. A organización estimou que, se a crise se intensifica, o impacto sobre os países máis pobres do planeta sería entre medio e severo, empurrando a súa necesidade de axuda externa en 27.000 millóns de dólares (ao redor de 22.200 millóns de euros) a finais de 2013.

O FMI advirte que os EUA deben eliminar a ameaza do chamado "precipicio fiscal" en 2013 con duros recortes de gasto

Aínda así, o FMI cre que a eurozona non é a única preocupación, pero si a máis importante, e advirte que os Estados Unidos deben eliminar a ameaza do chamado "precipicio fiscal" en 2013, con recortes de gasto de até 400.000 millóns de dólares (ao redor de 330.000 millóns de euros) de cara a finais dese ano.

En canto a China, a organización amosou a súa preocupación ante a posibilidade de que o escaso investimento e a falta de equilibrio entre demanda e consumo poida afectar os prezos a nivel mundial. Neste sentido, asegurou que cun recorte do 1% no crecemento do investimento por parte de Pequín afectaría severamente os provedores asiáticos, mentres que Xapón e Alemaña se verían afectados duramente.

Por último, o FMI dixo que a alta débeda pública de Xapón fai vulnerable ao  país a un posible cambio de percepción da súa fiabilidade por parte dos mercados internacionais, á vez que recomendou a Reino Unido que dea máis pasos para fortalecer o seu sistema financeiro e aumentar a confianza nos bancos.

Christine Lagarde, directora xerente do FMI CC-BY-NC-SA Banco Mundial

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.