"Que poden facer os gobernos para apoiar o crecemento cando a débeda dos fogares se converte nun problema?”, pregúntase o FMI nun informe. O organismo internacional respóndese a si mesmo e, aínda que advirte das bondades da “rede de protección social” dos estados, “do relaxamento da política monetaria para reducir os pagos das hipotecas” ou “do apoio ao sector financeiro”, recoñece que non é dabondo. “O estímulo macroeconómico ten as súas limitacións”, di nun dos capítulos do dossier Perspectivas Económicas Mundiais. Así, a entidade propón aos países máis afectados pola burbulla inmobiliaria “a reestruturación da débeda dos fogares” a través de “programas audaces e de grande alcance”, e pon como exemplo dous casos: as políticas aplicadas polos Estados Unidos nos anos 30 e a aplicada por Islandia nesta mesma crise. “Poden reducir significativamente a carga de devolución da débeda e o número de impagos e execucións hipotecarias”, recoñece.
En resumo, o FMI propón imitar a Islandia e aplicar unha quita á débeda dos fogares para “mitigar o impacto da morosidade sobre o consumo e o prezo da vivenda”. O informe fai fincapé, sobre todo, no caso daqueles estados nos que “as consecuencias da crise se ven agravadas ao existir previamente un excesivo endebedamento privado como España, Islandia, Irlanda, Reino Unido e os Estados Unidos”.
Segundo o documento, a recesión e os problemas inmobiliarios nestas economías provocan problemas “máis severos e prolongados”, xa que a xente endebedada “reacciona máis ante os cambios nos ingresos e patrimonio”, o que reduce os seus gastos e crea “un círculo vicioso” con efectos negativos para a economía.
Ademais, o FMI advirte que o éxito destes programas depende dun deseño axeitado. “Os criterios de participación demasiado restritivos e os incentivos mal estruturados poden limitar a eficacia dos programas; e á inversa, os programas demasiado amplos poden ter graves efectos colaterais e socavar a saúde do sector financeiro”.