Milleiros de persoas participaron este sábado nas concentracións convocadas en toda España diante de entidades bancarias en protesta pola estafa realizada a través da venda sen información de produtos financeiros de alto risco -participacións preferentes- e esixindo unha "solución política", dende o Goberno e o FROB, para as centos de milleiros que se calcula pode haber en todo o Estado (só en Galicia, ao redor de cen mil).
Na Coruña, máis dun cento de persoas concentráronse diante da sede de Novagalicia Banco, nunha ruidosa manifestación na que dirixiron as súas críticas contra os xestores de Caixa Galicia e Caixa Nova e contra os actuais directivos do Banco, así coma contra Alberto Núñez Feijoo. "A moitos non nos explicaron o que nos estaban vendendo, pensabamos que era un depósito a tres anos, e cando aos tres anos fomos retirar os cartos dixéronnos que era un produto que tiñamos que vender. Queremos a devolución do noso diñeiro porque fomos enganados", explicaba María, unha das afectadas
As vítimas da estafa das preferentes na Coruña anuncian a creación dunha plataforma que informe e coordine os e as afectadas na cidade e na comarca. "Queremos facer un chamamento aos cidadáns da Coruña e da súa comarca, que saia á rúa, que protesten", dixo. "Hai moita xente que non o sabe que foi estafada, e hai outra moita que si o sabe, que ten preferentes, e vai preguntar á sucursal e dinlles que isto se va amañar o mes que vén, ou que no verán poderán ter acceso aos seus cartos. Isto non é verdade", afirma María, que anuncia que "os afectados da Coruña imos ir sucursal por sucursal informando á xente que se atopa alí e a solicitar que nos devolvan os nosos cartos".
"Hai moita xente que non o sabe que foi estafada, e hai outra moita que si o sabe, que ten preferentes, e vai preguntar á sucursal e dinlles que isto se va amañar o mes que vén, ou que no verán poderán ter acceso aos seus cartos. Isto non é verdade"
O que se demanda nesta e noutras concentración é, fundamentalmente, unha solución política, global, sobre todo naquelas entidades coma NGB que foron nacionalizadas e que na actualidade pertencen ao Estado a través do FROB: "o goberno tennos que dar solución, é a única maneira posible de conseguila. Este banco pertence ao FROB, polo tanto é do Estado, e polo tanto queremos unha solución política". Os afectados galegos din que xa que se está ofertando unha solución para Bankia, "nós queremos a mesma solución que se lle dea a eles. O FROB ten a solución na súa man e pódenola dar". Engaden que "non pedimos que nos dean os cartos en efectivo, pedimos o depósito que nos prometeron no seu día, e imos loitar na rúa até que nola dean".
Os afectados galegos din que xa que se está ofertando unha solución para Bankia, "nós queremos a mesma solución que se lle dea a eles"
Nas últimas semanas estase falando de que os clientes de Bankia afestados poderían recibir a oferta de intercambiar as súas participacións preferentes por bonos ou depósitos a catro ou cinco anos, a un interese do 0 ou do 1 por cento. E outras entidades, como Caja España ou Liberbank, están realizando ofertas semellantes aos seus clientes.
Os afectados galego rexeitan a solución de arbitraxe proposta por Núñez Feijoo, e esixen unha solución política antes de setembro: "o tema da arbitraxe non nos interesa, porque a Xunta e NGB van nomear o árbitro, e a súa decisión é irrevogable, non poderíamos acudir a un tribunal. Pero tampouco queremos ir aos tribunais, non queremos colapsar os tribunais galego, queremos unha solución política antes de setembro".