O FROB valora Novagalicia Banco en -3.091 millóns

Oficina de Novagalicia Banco na Coruña © NGB

Un burato de máis de 3.000 millóns. A valoración económica de Novagalicia Banco (NGB), elaborada sobre a base dos informes de valoración encargados a tres expertos independentes, amosan un resultado negativo total de 3.091 millóns de euros, segundo informou o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB).

Os informes de expertos cifran en máis de 3.000 millóns o burato en Novagalicia

Esta cifra negativa é o resultado de estimar o que vale o patrimonio, os saneamentos, os teóricos beneficios, as provisións e a calidade dos activos da entidade antes de que se traspasen ao banco malo. Será unha valoración polémica como a que en 2011 se fixo de Novacaixagalicia (fusión de Caixa Galicia e Caixanova) ao ser taxada en 181 millóns para logo nacionalizala. A Xunta recorreu esta taxación.

Así, o FROB indicou que esta valoración servirá de base para a execución do apoio financeiro público contemplado nos plans de resolución desta entidade, aprobados o pasado 27 de novembro polas autoridades españolas e o 28 de novembro pola Comisión Europea, e que se culminará nos próximos días.

Bruxelas transferiu o pasado 11 de decembro a España o primeiro tramo de 39.500 millóns de euros do rescate bancario, que se destinará a recapitalizar as entidades nacionalizadas (Bankia, Catalunya Caixa, Novagalicia Banco e Banco de Valencia) e ao banco malo.

Dos 39.500 millóns de euros, BFA-Bankia recibirá unha inxección de 17.960 millóns de euros; Catalunya Caixa, 9.080 millóns; Novagalicia Banco, 5.425 millóns, e Banco de Valencia, 4.500 millóns. Os 2.500 millóns de euros restantes destinaranse á sociedade de xestión á que as entidades deben transmitir os seus activos inmobiliarios (Sareb).

O valor final de NGB será duns 4.000 millóns, resultado de restarlle o burato ao rescate bancario e o que achegan os tenedores de preferentes e subordinadas

A valoración de NGB é o paso previo a que a entidade perciba os case 5.500 millóns de euros do rescate bancario, ao que hai que sumar os 1.800 millóns que achegarán os posuidores de preferentes e subordinadas, que están obrigados por unha quita. En total, Novagalicia valerá máis de 7.000 milllóns, ao que haberá que restarlle o burato de máis de 3.000. En definitiva, a taxación final será duns 4.000 millóns, xa recapitalizada e plenamente nacionalizada en mans do Estado. Os propietarios de preferentes e subordinadas representarán arredor dun 30% do capital.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.