O gobernador do Banco de España culpa os gobernos de PP e PSOE da burbulla inmobiliaria

Luis Linde, gobernador do Banco de España © Banco de España

As culpas son do pasado. O gobernador do Banco de España, Luis Linde, asegurou este martes que a "euforia" da burbulla inmobiliaria levou a "non ver ou non querer ver" os riscos acumulados antes da crise no conxunto do Estado, e considerou na súa comparecencia que a institución que agora preside actuou "con pouca decisión" e de forma "inadecuada".

Linde compareceu no Congreso dos Deputados e non dubidou en responsabilizar tanto ao Goberno de Aznar como ao de Zapatero da crise española. "Ten un compoñente propio, xestado durante a fase de expansión que seguiu á crise de 1992-1993 e que se estendeu até o estalido da actual, no verán do 2008", dixo, tras insistir en que a burbulla inmobiliaira foi "o desencadenamento fundamental" da recesión actual. E aí tamén culpou o Banco de España por non cumprir coa súa función de regulación e supervisión para evitar que o crédito se disparase.

Linde cre que o Banco de España debeu ser "aínda máis heterodoxo" á hora de frear a "vulnerabilidade" do sector financeiro

Na súa primeira comparecencia no Congreso, Linde indicou que o supervisor debera ser "aínda máis heterodoxo" sobre a súa capacidade regulatoria para mitigar a "vulnerabilidade" do sector financeiro. "Non tivemos éxito na supervisión macroprudencial", sentenciou o gobernador, que centrou nas críticas á etapa pasada do Banco de España, ao que acusou de errar na supervisión bancaria.

Garante que os bancos "sen pulso suficiente" serán liquidados

Ademais, garantiu que as entidades financeiras "sen pulso suficiente" para asegurar o seu futuro terán que encarar un proceso de resolución ou liquidación ordenada. O sucesor de Miguel Ángel Fernández Ordóñez subliñou tamén que a xestión dos activos inmobiliarios danados das entidades con axudas prolongarase "no tempo" de forma separada, co fin de "non contaminar" as operacións e resultados da banca.

Linde, ademais, incidiu en que para minimizar as "cargas" sobre o contribuínte poderanse tomar medidas sobre o pago de dividendos, remuneracións e compromisos de posuidores de instrumentos distintos á as accións. "Teño a seguridade de que pronto a banca desenvolverá a súa actividade con solvencia e vitalidade", confiou.

Luis Linde, gobernador do Banco de España © Banco de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.