O Goberno apraza o peor da PAC para despois das eleccións europeas

Arias Cañete e Rosa Quintana, en Bruxelas © Magrama

O consenso básico que as comunidades autónomas e o ministro Arias Cañete acadaron para determinar a aplicación da Política Agraria Común (PAC) entre 2015 e 2020  no Estado convenceu a moi poucos. PP e Xunta insistiron en que "Galicia non perde", mentres o SLG, Unións Agrarias e a oposición en pleno censuraron un acordo que volve "discriminar" o agro galego. O país contará con fondos destinados a pagos directos por uns 160 millóns ao ano e Medio Rural presume de que se incrementan en 33 millóns os pagos acoplados ao sector lácteo, que se elevarán a 93. Pero a definición do "agricultor activo" que terá dereito ás percepcións tan só exixe que xustifique un 20% de ingresos da propia actividade para poder recibir fondos da PAC. Ou sexa, pode cobrar un 80% de axudas públicas xustificando só que un 20% dos seus ingresos proveñen da actividade agrícola.

Aínda así, pode que ese non sexa a cuestión máis polémica. O consenso básico acadado entre autonomías e Goberno central permitiu tamén un acordo: evitar ata dentro duns meses dar máis detalles sobre o sistema de aplicación da PAC, que se baseará na creación de entre 22 e 24 rexións agronómicas. Cada unha destas zonas compoñerase de comarcas e tipo de superficie cuxas axudas directas por hectárea recibidas en 2013 sexan semellantes, segundo asegura o texto, que deixa clara tamén a intención, no seu último punto, de obviar este debate ata, curiosamente, unha vez finalizadas as eleccións ao Parlamento Europeo.

O último punto do acordo pide que a definición das comarcas agronómicas se aprece "para evitar movementos especulativos"

"Co obxecto de evitar movementos especulativos con vistas ao novo modelo de axudas, cómpre que os detalles relativos á definición de comarcas e tipos de superficie que integrarán cada unha das rexións, así como o deseño específico das axudas acopladas, se establezan (...) no marco do procedemento de elaboración dos textos legais de aplicación das axudas directas, de maneira que a súa difusión comece unha vez conclúa o período de solicitude das axudas directas da PAC correspondente a 2014". En definitiva, que nin os pagos acoplados nin a rexionalización queda definida ata dentro dun tempo.

O temor que expertos do sector gandeiro trasladaron tamén a Praza esténdese tamén aos sindicatos. UUAA insiste en que "ata dentro de catro meses non se coñecerá como queda a distribución das rexións agronómicas", algo que é "clave para saber realmente canto e a quen se lle van entregar fondos da PAC". Desde a organización agraria "sospéitase da existencia dun reparto oculto que neste momento no sae á luz por motivos puramente electoralistas". Porque aí estará o fundamental. A zonas onde queden encadradas cada unha das explotacións determinará quen cobra máis ou menos.

Advertírao xa Roberto García, secretario xeral de UUAA. "É un tema escuro do que non se aclarou nada, pero que é unha lotaría. Cada gandeiro pode perder ata o 35% de fondos segundo a rexión na que lle toque. Se esta medida fose positiva, e a poucos meses das eleccións europeas, non sairía o Goberno a presumir dela? Se non o fai é por algo", aseguraba a Praza.

UUAA cre que o adiamento desta decisión é "por motivos puramente electoralistas"

Por todo isto, tanto Unións Agrarias como o SLG continúan a criticar "o triunfalismo" do PP e da Consellería de Medio Rural logo de "acadar un escaso 3% dos ingresos" cando en canto ao volume de produtores activos, a Galicia "debería corresponderlle  un 16%". Tamén critican ambos os dous sindicatos que a asignación de axudas sexa agora por vaca "e non por volume de conta", polo que as grandes prexudicadas serán as explotacións máis eficientes. En canto ás axudas acopladas -das que se anunciaron 93 millóns- advirten tamén que sobre o 50% deberían corresponder á comunidade autónoma, xa que ten 350.000 das 800.000 vacas de leite do Estado.

Ademais, tampouco se teñen introducidas as tan reclamadas "medidas correctoras" para que as primeiras hectáreas subvencionadas reciban unha preima respecto das seguintes, xa que Galicia ten unha media de 15 hectáreas por explotación, fronte á media de 30 en España. A discriminación do agro galego segue adiante, pero o peor aínda pode estar por chegar. Despois das eleccións europeas.

Arias Cañete e Rosa Quintana, en Bruxelas © Magrama

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.