O Goberno central crea un imposto sobre o aire acondicionado e sobe alcol e tabaco

Sáenz de Santamaría e Montoro, tras o Consello de Ministros © Goberno de España

O Goberno alagou estse venres de información económica á cidadanía, máis do que posiblemente pode dixerir. Entre o aluvión de medidas aprobadas no Consello de Ministros destaca, polo menos en termos prácticos, a subida de impostos. Facenda aumentará, como era esperado, a tributación do alcol -sen afectar nin ao viño nin á cervexa- cunha suba de polo menos o 10% -pasando de 8,30 euros por litro de alcol a 9,13 euros- e tamén do tabaco: o paquete subirá de media 15 céntimos. A principal novidade do día é a creación dun imposto ambiental que gravará o aire acondicionado.

Á espera de ler o Real Decreto, ao que convidou a vicepresidenta, Soraya Sáenz de Santamaría, o Executivo só avanzou que o "complexo" imposto enmarcarase dentro da reforma enerxética como unha forma de penalizar o exceso do seu consumo. Ademais, segundo o apuntado en rolda de prensa, o tributo calcularase de forma ponderada -gravando máis aos máis contaminantes- e segundo fontes de Facenda, encarecerá a venda de aparellos en cinco euros de media. Este novo tributo afectará a aparellos como os aires acondicionados, os extintores ou as neveiras, entre outros. Con todo, quedarán exentos os aparellos nos que o gas está selado hermeticamente como o aire acondicionado dos coches.

O imposto entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2014, achegará uns 340 millóns ao ano e pagarano xeralmente os almacenistas que adquiran os produtos ao fabricante, aínda que poderán repercutir a subida no prezo final. En total, o Executivo espera recadar ao redor de 700 millóns de euros adicionais polo alcol, algo máis de 366 millóns de euros polo tabaco.

Ademais das subas que gravarán de forma indiscriminada a todos os consumidores o Goberno elimina bonificacións ás grandes empresas

Ademais destas subas, que gravarán de forma indiscriminada a todos os consumidores que utilicen estes recursos, o Goberno adiantou unha eliminación de diferentes bonificacións ás grandes empresas. O ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, asegurou que a tributación efectiva (o que pagan realmente despois de utilizar as desgravacións) dalgunhas grandes corporacións quedaba no 5%, e convidou ás grandes empresas a revelar canto pagan en impostos realmente, cando o tipo real destas sociedades está no 30%.

Segundo as estimacións de Facenda, só a desgravación por depreciación da carteira de activos quitáballe ás arcas do Estado 3.650 millóns de euros. En total, o Goberno confía en recadar 4.690 millóns de euros anuais coas modificacións tributarias anunciadas.

Así as cousas, o ministro asegurou que isto non afecta á anunciada reforma fiscal do Executivo, e que terá especial incidencia no deseño do Imposto sobre a Renda.

Montoro asegura, entre bromas, que non lle gusta subir impostos pero "hai que cumprir as leis"

Montoro asegurou entre bromas que nunca vivira "un consello de ministros como este", en referencia á abundancia de medidas ligadas á súa carteira. En diferentes intervencións, o ministro insistiu en que "non me gustaba" subir impostos, nin sequera os do tabaco e alcol, e que o facía porque a súa obrigación é reducir o déficit. "Hai que cumprir leis, unhas gústanme máis e outras menos", explicou.

Ademais das subidas impositivas, o ministro anunciou un novo plan de pago a provedores, que facilitará que as Administracións Públicas paguen as facturas que teñen pendentes coas universidades e o coñecido como "terceiro sector". Aínda que o Goberno xa puxera en marcha diversos plans de pago de provedores, nunca se enfrontou ao saneamento das débedas dos que prestan servizos relacionados coa dependencia ou os sanitarios. Moitas das empresas que prestan este tipo de servizos están ao bordo da quebra. Tamén as universidades se queixaron amargamente da falta de pagamento por parte das comunidades autónomas.

Como guinda do pastel entre os anuncios baixo a súa tutela, o ministro anunciou a dimisión, aparentemente voluntaria, da directora da Axencia Tributaria, Beatriz Viana, no medio da polémica pola confusión co DNI da infanta.

Sáenz de Santamaría e Montoro, tras o Consello de Ministros © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.