O Goberno corrixe a PAC pero segue a prexudicar o agro galego

Conferencia sectorial de Agricultura © Ministerio de Agricultura

Entre o triunfalismo da Xunta, o "consenso básico e importante" que acadou o ministro Arias Cañete e a decepción dos sindicatos agrarios. O Goberno central logrou un principio de acordo coas 17 autonomías para aplicar a Política Agraria Común (PAC) entre 2015 e 2020 no Estado, logo de dúas xornadas da Conferencia Sectorial celebrada en Madrid. Aceptou correccións o Executivo central ante as críticas de varias comunidades, pero non logrou afastar de vez as ameazas que as organizacións labregas cren que o deseño da PAC supón para Galicia.

Xa pola mañá, uns 800 gandeiros galegos protestaban ás portas do Ministerio de Agricultura para denunciar o agravio que se pensaba cometer co agro de Galicia e secundando a convocatoria de Unións Agrarias (UUAA). Roberto García, o seu secretario xeral, aclara que o problema non era a contía orzamentaria, que é "máis que suficiente" -uns 285 millóns anuais para gandeiros e labregos galegos-, senón "determinar quen pode recibir axudas dos fondos europeos" e levar á práctica a definición de agricultor activo para evitar así que grandes terratenentes sen actividade agrícola levasen a maioría das axudas comunitarias. Tamén criticou este sindicato, así como o SLG, que se pretendese vincular o reparto de fondos á superfice das explotacións, o que prexudicaba clarametne a Galicia, cunha base territorial moito menor que a media estatal.

Arias Cañete destaca que "por primeira vez" se poñen limitacións aos "cazaprimas"

E algún cambio houbo, pero semella insuficiente. O ministro Arias Cañete destacou tras a xuntanza que "por primeira vez na historia" se poñerán limitacións para que as axudas non acaben nos denominados "cazaprimas", ao exixir unha actividade agraria ou gandeira significativa para poder cobrar as axudas da PAC. A decisión final do Goberno foi considerar agricultor activo a aquela persoa ou empresa que teña, polo menos, o 20% dos seus ingresos provenientes da actividade agraria, unha porcentaxe "a todas luces insuficiente", segundo o SLG.

Xa que logo, se alguén recibe 100.000 euros en axudas da UE, abondaralle con obter 20.000 de ingresos pola venda de produtos agrarios para recibir a subvención, un sistema que se aplicará aos labregos que perciban máis de 1.250 euros en axudas. Esta corrección non evitará, segundo o sindicato, que o reparto de fondos sexa semellante ao actual e que permite que máis de 900.000 persoas ou empresas cobren axudas da PAC mentres o número de cotizantes á Seguridade Social Agraria no Estado é duns 350.000. "O 16% das persoas ou empresas beneficiarias quedaron en 2011 co 75% dos máis de 5.000 millóns de euros que se repartiron", denuncia o SLG, que lembra que a Casa de Alba, a familia Domecq ou grandes empresas como Pastas Gallo, Zumavesa ou Nutrexpa lideran a listaxe de maiores perceptores.

Se alguén recibe 100.000 euros en axudas da PAC, abondaralle con obter 20.000 de ingresos pola venda de produtos agrarios para recibir subvencións

Ademais, a reclamación sindical de que se faga un reparto progresivo no que o groso das subvencións vaia parar ás explotacións e á produción de alimentos, "caeron en saco roto". Tamén denuncia o SLG que queden fóra da percepción de axudas "sectores estratéxicos para Galicia e o Estado" e que abranguen un millón de hectáreas de terras produtivas, como o da horta, a froita ou a vitícola. "É inxustificable que se reduza á metade o orzamento para as primas por vacas nutrices, indispensable para a supervivencia das explotacións de vacún de carne en zonas desfavorecidas de montaña nas que non existen outros medios de vida. Tamén é inxustificable que cun paro xuvenil superior ao 50% e cada vez máis xente nova optando polo agro para ter un posto de traballo -as solicitudes de incorporación aumentaron un 79% no último ano- que o 40,57% das axudas da PAC vaian parar a persoas maiores de 65 anos, e que os mozos e mozas que comezan unha vida laboral na agricultura ou na gandería queden excluídos e excluídas das axudas da PAC", insiste.

O SLG denuncia que a aplicación da PAC "prexudicará gravemente a sectores estratéxicos galegos como a horta, o viño ou a carne de vacún"

O ministro Cañete presume, no entanto, de avances na aplicación da PAC e destaca que se detraerán 550 millóns de euros a máis de 72.000 produtores que non teñen unha actividade significativa para destinalos a agricultores da mesma comarca con "actividade agraria importante". No caso de explotacións gandeiras vinculadas a pastos, exixirase para considerar que teñen actividade, como por exemplo, cinco hecdtáreas por vaca, segundo puntualizou o membro do Goberno.

O Ministerio anunciou tamén un acordo para que obteñan pagos acoplados ao vacún de engorde, a vaca nodriza, o ovino-caprino, o vacuno lácteo, o arroz, legumes de caldiade ou o tomate de industria, entre outros. En total, 585 millóns de euros en pagos acoplados anuais desde 2015. 

A Xunta louva a "decisión valente" do Goberno central e presume de que o acordo responde ás demandas dos sindicatos agrarios

Con estes vimbios, a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, louvou a "decisión valente" do ministro Cañete ao "definir o agricultor activo por primeira vez" e asegurar que "cobren axudas aqueles labregos e gandeiros que xeran actividade e postos de traballo" no sector. "Todos saímos gañando", insistiu, tras asegurar que o Estado "recolle en esencia todo o que en Galicia se tiña consensuado coas organizacións agrarias". Pero o SLG cualifica de "falaz" esa afirmación e acusa a Xunta de ser "servil" cos mandados do Executivo central.

Conferencia sectorial de Agricultura © Ministerio de Agricultura
Uso da forraxe nunha explotación láctea galega © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.