O Goberno negocia coa UE que os afectados polas preferentes recuperen os seus cartos en seis anos

Manifestación dos afectados polas preferentes en Santiago Dominio Público @ivanformigueiro

Segundo publicou este martes o Financial Times, o Executivo español estaría tentando que as institucións europeas acepten que a quita esixida polo acordo do rescate bancario (pola que os clientes perderían entre un 50 e un 70 por cento do seu investimento) se compense nun prazo de catro a seis anos cun alto interese para os seus depósitos. Deste xeito, os afectados e afectadas recuperarían nun primeiro momento unha parte dos seus cartos (a metade, como máximo) e nos anos seguintes iríán recibindo unha compensación até completar a cantidade total.

Os afectados e afectadas recuperarían nun primeiro momento unha parte dos seus cartos (a metade, como máximo) e nos anos seguintes iríán recibindo unha compensación até completar a cantidade total

Deste xeito, segundo o FT, os e as afectadas pola estafa das preferentes recuperarían todos os seus cartos iniciais, aínda que nun prazo longo e de maneira indirecta. O Goberno español, segundo o xornal, confía en que esta solución ten posibilidades de ir adiante grazas a que nas últimas semanas se estableceu un "diálogo fluido con Joaquin Almunia. En calquera caso a decisión non chegaríá até setembro como moi cedo.

Os responsables dos bancos cunha gran cantidade de clientes afectados polas preferentes están especialmente preocupados pola imaxe das súas entidades, segundo o FT, así coma polo destino dos seus depósitos, que consideran que se dirixirán á competencia se non se lle dá unha solución satisfactoria a este conflito. Por ese motivo nas últimas semanas están realizando unha gran presión para que Europa cubra coa súa inxección de capital a devolución dos cartos. Porén, as autoridades europeas esixen que os fondos que lles proporcionen ás entidades españolas xeren beneficios e non sirvan unicamente para cubrir as débedas contraidas por estes.

Pola súa banda, as asociacións de afectados veñen meses rexeitando medidas deste tipo ao igual que as solucións que pasen pola fórmula da arbitraxe. Reclaman o reembolso íntegro e inmediato de todos os cartos investidos en produtos financeiros coma as preferentes.

Manifestación dos afectados polas preferentes en Santiago Dominio Público @ivanformigueiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.