O Goberno recorre o 'tax lease' pero non pide aínda a suspensión cautelar da devolución

Manifestación de traballadores do naval en Vigo Dominio Público @galizaCIG

O Goberno vén de acordar coas comunidades autónomas afectadas, as empresas e os sindicatos do sector naval a presentación dun recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea contra a decisión da Comisión Europea sobre a devolución das bonificacións fiscais do tax lease.

O Goberno decide finalmente acudir á Xustiza malia que os sindicatos non crían esa a mellor opción

Malia que os representantes dos traballadores manifestaran a súa preferencia por non acudir á Xustiza, logo da reunión entre as partes celebrada na tarde deste luns, o ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, explicou que o encontro serviu para adoptar a decisión de presentar o recurso antes de finais de setembro.

O Estado non solicitará polo momento medidas cautelares, tal e como pedira a Xunta

O Goberno e os axentes usarán os argumentos xurídicos xa presentados á Comisión Europea e non acordaron polo momento solicitar a imposición de medidas cautelares, aínda que poderían facelo, tal e como reclamou a Xunta, fervente defensora do recurso para conseguir así a suspensión cautelar do reintegro das axudas e conseguir unha solución temporal ao problema do naval.  Ademais, decidiron desenvolver accións para pór en valor o novo esquema de bonificacións.

Os participantes na reunión teñen "pechada" a decisión de recorrer, pero deixan "aberta" a de presentar medidas cautelares, explicou Soria, antes de indicar que outra das decisións adoptadas consistiu en "pór en valor o extraordinario sistema de tax lease'" actual, que non se usou nos últimos meses pola incerteza acerca das anteriores bonificacións fiscais.

Ademais, o Ministerio de Facenda "está en contacto cos investidores" e xa celebrou "unha reunión", que servirá xunto con outras para fixar "as cantidades exactas afectadas pola decisión", engadiu.

Feijóo valora "a unidade de actuación sen precedentes" arredor do naval

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo valorou a "unidade de actuación sen precedentes" ao redor deste asunto e considerou que as comunidades autónomas, o Goberno, as empresas e os sindicatos fixeron "un bo traballo" na defensa do naval, no que se mantén a esperanza" e pódese "mirar ao futuro".

"Imos manter o grupo de traballo aberto" co obxectivo non só de "tutelar  a saída do impás dos últimos anos para volver contratar" no sector, senón tamén de supervisar "a imposición dun recurso fundado en Dereito". Este recurso é "razoable" e preséntase "por coherencia, por responsabilidade e por non ir contra os propios actos", así como "pola defensa dos postos de traballo e a continuidade do sector".

Pola súa banda, o presidente de Asturias, Javier Fernández, destacou da reunión dous aspectos. Por unha banda, valorou "a vontade de todos de que o Goberno, que é o que está habilitado para iso, presente o recurso, porque hai argumentos xurídicos". Por outro, resaltou a coincidencia en "dar seguridade aos investidores e pór en valor o novo sistema de financiamento" porque "o sector ten futuro".O lehendakari Íñigo Urkullu non acudiu á xuntanza e aludiu a problemas de axenda.

Ademais, a conselleira delegada da asociación de estaleiros Pymar, Almudena López, asegurou que as empresas están "moi contentas" co resultado da reunión, xa que a situación "só pode mellorar" e "hai moitas posibilidades de saír gañando". Sobre as reunións con Facenda, dixo que o seu desenvolvemento vai ser "extraordinariamente complicado" e que o resultado non se coñecerá "nin hoxe nin mañá".

Por parte dos sindicatos, o secretario xeral da Comisión de Industria de CCOO, Agustín Martín, mostrouse partidario de analizar con "cautela" o contido do recurso co obxectivo de que sexa unha "reclamación soportada e con garantías". Ademais, destacou que o sector naval dispón dun sistema de financiamento "a futuro e homologado pola Unión Europea", así como a celebración de mobilizacións entre os traballadores do naval "e do conxunto da sociedade", que permitiron configurar "un bloque homoxéneo" na defensa do sector.

"Somos optimistas", sinalou por último o secretario federal de UGT, José Luis Gacio, quen sostivo que "o sector está vivo" e quen destacou tanto as posibilidades do recurso como o novo tax lease, que dá "confianza e credibilidade ao sector".

Manifestación de traballadores do naval en Vigo Dominio Público @galizaCIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.