O Igape avaliaba a venda de Alfageme un ano antes da liquidación da conserveira

As traballadoras de Alfageme sempre acusaron a Lago de especular cos terreos das fábricas CC-BY-NC-SA CIG

En abril de 2010 conservas Bernardo Alfageme SA entraba en concurso de acredores. A suspensión de pagamentos era unha nova anunciada debido á precaria situación de liquidez dunha firma que, desde 2006, recibira cuantiosas axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a través de préstamos ou avais. De maneira oficial e mediática, o nome da empresa "Conservas Consorcio Gallego" non aparecería ata un ano máis tarde, momento en que o conselleiro de Industria, Javier Guerra, anunciou a compra de Alfageme por parte deste holding cántabro. Pero a finais de abril de 2010 o exdirector xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, xa escribía na súa libreta persoal que Alfageme ía ser para Consorcio. "Se quedan con tres plantas", escribiu. A libreta de Varela está incluída no sumario da Operación 'Campeón'.

A finais de abril de 2010 o exdirector xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, xa escribía na súa libreta persoal que Alfageme ía ser para Consorcio

Estas anotacións na libreta de Varela se escribiron entre o 29 de abril e o 4 de maio de 2010, como consta no sumario. Nas páxinas se reflicte, en calquera caso, unha actividade normal e frenética, con reunións e plans económicos nos que entraba o Igape. O caso de Alfageme, que vén de ser noticia outra vez tras a petición de inhabilitación dos xestores de Promalar, chama á atención en tanto o instituto público concede virtualmente a propiedade da conserveira a unha firma que aínda non se constituíra. Conservas Consorcio Gallego, filial creada por Grupo Consorcio, foi rexistrada no Boletín Mercantil o 22 de xullo de 2010.

Aparece Consorcio

En diversas declaracións aos medios, os xestores de Promalar, promotora que adquiriu a conserveira en 2006, aseguraron que foi en maio de 2010 cando, un ano antes de saír a liquidación, xa "empezara a sonar o nome de Consorcio". Así consta, cando menos, na libreta de Varela de Limia. "Consorcio, tres fábricas. O Grove después se vendería a Consorcio con sus empleados", apuntou o exdirector xeral do Igape, imputado no Caso 'Campeón'. "ERE para toda la plantilla de estructura", engadiu a continuación.

"Reparto 50/50 con control absoluto de la gestión por Consorcio", escribiu Joaquín Varela. Era maio. "Asumir deuda Vilaxoán y Ribadumia equivalente al valor de tasación". O anuncio de Guerra aseverando que este grupo se facía, coa axuda do Igape, coa xestión de Alfageme non foi ata marzo de 2011. O plan de liquidación aínda foi máis tarde. As plantas de Vilaxoán e Ribadumia tiñan unha importante carga hipotecaria. Segundo consta no acordo de convenio de novación da débeda, a situación era a seguinte:

- Primeira hipoteca sobre a finca rexistral 14.661 de Vilagarcía de Arousa: 9.983.319 euros, máis case un millón para intereses de demora e outro millón máis "para costas e gastos"

- Hipoteca de primeiro rango sobre a finca de Ribadumia (número 8.087 rexistral): 4.873.404,58 euros "de principal, máis intereses e costas"

O acordo plantexado por Consorcio, en xuño de 2011, para adquirir Alfageme plantexaba unha novación da débeda contraída polos Lago co Igape superior aos 33 millóns de euros, que se poderían convertir nun euro simbólico. Na actualidade a adquisición de Alfageme por parte deste grupo está paralizada despois de varios movementos xudiciais dos antigos propietarios. As traballadoras da firma (case todas mulleres, que recibiron o premio 10 de Marzo da CIG) seguen á espera con numerosas mobilizacións para que se axilice o proceso e poidan volver ao traballo.

Grupo Consorcio (Consorcio Genovés) está presidido por María Cristina Croce Marabotti, membro dunha familia emparentada coas máis grandes fortunas de Italia.

Páxina da libreta de Varela © Sumario da Operación Campeón
O plan de liquidación foi aprobado o 24 de maio de 2011 © Praza
Oferta de Consorcio © Praza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.