O Produto Interior Bruto (PIB) medrou en 2011. Non sucederá o mesmo en 2012, dacordo con todos os paneis de previsións. Malia non ter pechado o exercicio en valores negativos, a destrución de emprego acadou as 600.000 persoas. Recortouse en gasto público, en déficit de conta corrente (apenas 8.000 millóns), en investimento empresarial ou en salarios. No caso galego, por exemplo, a remuneración dos asalariados (traballadores por conta allea) encadea dez trimestres en negativo. Moito antes de que comezase o bruído mediático as nóminas foron adelgazando. Lonxe quedaron as épocas en que, xustificado ou non, o incremento salarial se movía por riba do 10% interanual.
Non están dispoñibles, polo de agora, os datos de contabilidade correspondentes a Galicia (queda por coñecer os do IV trimestre), mais a análise se pode extrapolar a partir da estatística global do Estado. Á conclusión á que se chega é que se produciu en 2011 un importante incremento das rendas de capital fronte a unha caída moderada nos salarios e do custo laboral.
A remuneración dos asalariados encadea dez trimestres en negativo en Galicia
Sen descontar a inflación, botando man do indicador de prezos correntes, obsérvase que o PIB medrou un 1,5% a nivel interanual en España. Isto é, aumentou a produción de bens e servizos da economía española respecto do ano anterior. Pero a remuneración global dos asalariados descendeu fortemente trimestre a trimestre nos dous últimos anos, no último un 2,1%. Segundo fontes expertas consultadas por Praza, e malia botar man dos datos con inflación, "se se descontara as taxas serían inferiores, pero manteríase o signo e as diferenzas".
2010 /I | 2010 /II | 2010 /III | 2010 /IV | 2011 /I | 2011 /II | 2011 /III | 2011 /IV | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
PIBpm | -1,5 | 0,1 | 1,0 | 1,7 | 2,2 | 2,4 | 2,2 | 1,5 |
Remuneración dos asalariados | -3,5 | -2,3 | -2,3 | -2,1 | -0,8 | -0,6 | -0,6 | -2,1 |
Custo laboral unitario | -2,1 | -2,4 | -2,9 | -2,9 | -2,0 | -1,7 | -1,5 | -2,5 |
Produtividade por traballador | 3,0 | 3,0 | 2,4 | 2,2 | 2,6 | 2,2 | 2,8 | 3,7 |
Excedente de explotación bruto/Rendas mixtas | 0,0 | -3,7 | 0,3 | 4,4 | 5,3 | 8,8 | 4,7 | 6,6 |
Impostos netos sobre produción | 2,8 | 38,1 | 31,3 | 11,4 | 3,6 | -8,7 | 5,8 | -5,1 |
Como se observa na táboa anterior, o custo laboral por traballador descendeu de maneira significativa no último trimestre de 2011 o que, sumado á caída na remuneración dos asalariados, provocou un incremento importante na produtividade. Iso si, todo o incremento da produtividade foi para o beneficio empresarial,o cal no último trimestre medrou un 6,6% con respecto ó mesmo de 2010.