Ao longo de 2014 57 persoas morreron en Galicia en accidentes laborais, segundo reflicten os datos oficiais do Ministerio de Emprego. A cifra é moito máis elevada que a que se rexistrara nos tres anos anteriores, e interrompe unha longa tendencia de descenso. Tan só Andalucía, con 74 falecidos pero tres veces máis poboación, supera o rexistro galego. E territorios como Cataluña (53), Madrid (49) ou a Comunidade Valenciana (41) tamén tiveron menos vítimas mortais.
En 2014 Galicia tivo 7,56 falecidos por cada 100.000 traballadores, máis do dobre que a media española (3,33)
En termos relativos Galicia sempre soportou un índice de mortandade no traballo moi superior ao do conxunto do Estado. Durante os anos 80 e 90 a nosa comunidade perdía cada ano máis de cen traballadores e traballadoras en accidente laboral e aínda no ano 2000 esa cifra era de 130. A partir de entón foi descendendo ata acadar un celebrado mínimo en 2013, con 43 falecidos e falecidas. De igual xeito, foi reducíndose o índice de mortes por cada 100.000 traballadores, superior a 20 ata o ano 1992, e que non baixou de 10 ata o 2005. Con todo, as cifras galegas sempre foron moi superiores á media española (23 fronte a 14 en 1990 ou 18 fronte a 9 no 2000) e só nos últimos anos esa fenda se fora estreitando, ata ficar en dous ou tres puntos. Unha dinámica positiva que rachou en 2014, cando Galicia tivo 7,56 falecidos por cada 100.000 traballadores, máis do dobre que a media española (3,33).
Esta realidade contrasta co feito de que en Galicia se producen menos accidentes laborais que no resto do Estado. Así foi o ano pasado (3001 accidentes por cada 100.000 traballadores en Galicia e 3.058 no conxunto de España) e esa é a dinámica habitual dende os anos oitenta, cando os índices duplicaban os actuais, pero sempre un chisco por debaixo na nosa comunidade.
Esta realidade contrasta co feito de que en Galicia se producen menos accidentes laborais que no resto do Estado
Nos dous primeiros meses de 2015 (únicos datos oficiais dispoñibles ata o momento) houbo seis vítimas mortais, dun total de 60 en toda España, ademais doutros 51 accidentes cualificados de "graves", sobre un total de 481 en todo o Estado (máis do 10%). Mantense, pois, a dinámica dun índice de mortandade superior á media, a pesar de producirse en Galicia moitos menos accidentes de traballo que noutras comunidades. En xaneiro e febreiro houbo en Galicia 3.460 sinistros (algo máis do 5% dos 65.497 rexistrados no conxunto de España)
O drama dos sinistros laborais continúa. Hai dúas semanas faleceu un mozo de 31 anos en Carballeda de Valdeorras, e tres días máis tarde perdía a vida un home de 44 en Vilalba. E en marzo, un operario auxiliar de Navantia, de 58 anos, falecía en Ferrol, esmagado por unha chapa de metal que caeu dun guindastre, motivando unha mobilización dos sindicatos en protesta polo "deterioro das condicións laborais" nos estaleiros.
Nos últimos meses os sindicatos viñeron denunciando este incremento nos accidentes mortais, que afecta sobre todo aos sectores da pesca, con 20 falecidos, e de industria e construción, con 19
Nos últimos meses os sindicatos viñeron denunciando este incremento nos accidentes mortais, que afecta sobre todo aos sectores da pesca, con 20 falecidos, e de industria e construción, con 19. A este respecto, UGT Galicia reclamou unha fiscalía especial para accidentes laborais e que se aplique a lei "con máximo rigor a quen sexa o responsable dun accidente de traballo". E esta mesma semana CCOO presentou un informe que alerta de que, en proporción, incrementáronse máis os accidentes mortais en xornada de traballo nas persoas novas e nas que tiñan pouca antigüidade no seu posto de traballo: un 200% nas persoas entre 20 e 24 anos e un 166,67 % nas que levaban entre tres e seis meses no seu posto. A secretaria de Saúde Laboral de CCOO chamou tamén a atención sobre a incidencia destes accidentes entre as persoas cun contrato temporal: das 57 que perderon a vida en xornada de traballo, 20 tiñan este tipo de contrato.
Este mércores a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou en Ferrol as XV Xornadas galegas sobre condicións de traballo e saúde, nas que destacou o “pronunciado” descenso dos accidentes laborais en Galicia, que se reduciron un 54% entre 2008 e 2014. Porén, esqueceu mencionar o forte incremento dos sinistros mortais rexistrado o pasado ano.
04 | 05 | 06 | 07 | 08 | 09 | 10 | 11 | 12 | 13 | 14 | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Galicia total | 77 | 88 | 74 | 68 | 74 | 72 | 65 | 53 | 45 | 43 | 57 |
Galicia /100.000 | 9.79 | 10.87 | 8.81 | 7.77 | 8.52 | 8.66 | 7.98 | 6.66 | 5.77 | 5.71 | 7.56 |
España total | 968 | 935 | 947 | 826 | 810 | 632 | 569 | 551 | 452 | 447 | 454 |
España /100.000 | 6.81 | 6.31 | 6.28 | 5.28 | 5.24 | 4.36 | 4 | 3.91 | 3.26 | 3.33 | 3.33 |
Persoas falecidas en accidente laboral en Galicia e no conxunto de España e taxa por cada 100 mil traballadores. Fonte: Ministerio de Emprego