O inicio do verán fai descender o paro en 13 mil persoas en Galicia

Xuño presenta habitualmente datos positivos para o emprego CC-BY Darío Álvarez

Xuño é habitualmente un bo mes para o emprego e así foi tamén nesta ocasión. O pasado mes pechouse con 13.144 persoas menos inscritas como demandantes de traballo en Galicia, reducindo a cifra total ata as 207.320. O descenso foi un dos máis importantes entre todas as comunidades autónomas, só por detrás do de Andalucía e Cataluña en termos absolutos e do de Cantabria e Baleares en termos relativos. Nos últimos doce meses o paro reduciuse en Galicia en 21.742 persoas.

No conxunto de España o desemprego caeu en 124.349 persoas, ata as 3.767.054. Desas 124 mil persoas que saíron das listas de desempregados e desempregadas, case 85 mil corresponden ao sector servizos. En termos desestacionalizados, o paro rexistrado baixa en 48.579 persoas.

En xuño asináronse en Galicia 93.293 contratos, dos que só 6.121 foron indefinidos (un 6,56%), mentres que o resto (87.172) foron temporais

Tamén foron positivos os datos relativos ás novas afiliacións á Seguridade Social, que no noso país creceron en 8.749 persoas. Porén, a cifra queda lonxe da do descenso do paro rexistrado. Polo tanto, máis de catro mil persoas saíron das listas non por atopar un emprego, senón por outros motivos, ben por marchar fóra de Galicia, ben por simplemente desistir de buscar por esta vía. No conxunto do Estado, as afiliacións creceron en 98.432 persoas, ata un total de 17.760.271.

 

Un 6,56% de contratos indefinidos

En xuño asináronse en Galicia 93.293 contratos, dos que só 6.121 foron indefinidos (un 6,56%), mentres que o resto (87.172) foron temporais. Non conxunto de España asináronse case dous millóns de contratos (1.920.340) dos que só 148.395 foron indefinidos, o 7,7%.

Un terzo dos contratos foron a tempo parcial. 54 mil dos 148 mil contratos indefinidos asinados en España en xuño foron a tempo completo e 47 mil a tempo parcial. De igual xeito, realizáronse 1.129.704 contratos temporais a tempo completo e 642.241 a tempo parcial. 

 

As prestacións, para o 48,94% dos e das paradas galegas

As prestacións por desemprego só chegan a 1.936.006 das 3.767.054 persoas que se atopan rexistradas como parados e paradas. En Galicia as prestacións benefician a 101.453 dos 207.320 desempregados e desempregadas (o 48,94%). Delas, 39.421 persoas reciben a prestación contributiva polo tempo traballado, outras 49.511 perciben un subsidio e outras 11.561 rendas activas de inserción. O gasto total en prestacións por desemprego en xuño superou os 81 millóns de euros.

 

Reaccións

UGT alerta de que hai 120.000 parados e paradas sen ningún tipo de cobertura, "desempregados e desempregadas galegas que non perciben ningunha axuda estando en fortísimo risco de exclusión social"

UGT-Galicia valora "positivamente" os datos do paro de mes de xuño, pero lamenta "que esta mellora coxuntural non se vexa reflexada na mellora da calidade dos contrato e, sobre todo, da taxa de cobertura do desemprego", facendo fincapé na "precariedade, os altos niveis de rotación na contratación e unha taxa de cobertura en mínimos históricos". O sindicato lembra que a taxa de cobertura de desemprego cobertura é do 50,2 por cento (52,9 por cento no Estado) acadando mínimos históricos. "Por moito que baixe o desemprego a situación das persoas no desemprego empeora", salienta, e alerta de que hai 120.000 parados e paradas sen ningún tipo de cobertura (datos de maio), "desempregados e desempregadas galegas que non perciben ningunha axuda estando en fortísimo risco de exclusión social".

A CIG salienta que "o que a priori semella un dato positivo contrasta co feito de que a afiliación á Seguridade Social medrou unicamente en 8746 persoas, o que significa que 4398 activos/as foron expulsados do mercado laboral"

A CIG tamén incide no "aumento da precariedade, da temporalidade e da desprotección". E salienta que "o que a priori semella un dato positivo contrasta co feito de que a afiliación á Seguridade Social medrou unicamente en 8746 persoas, o que significa que 4398 activos/as foron expulsados do mercado laboral, ben sexa porque xa non se anotan nas oficinas do SEPE por falta de confianza no sistema ben porque deciden buscar un futuro na emigración". Osecretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, incidiu "na necesidade de cambiar este modelo produtivo baseado na precariedade e temporalidade e aposta pola implementación dun plan de desenvolvemento industrial baseado no reforzo dos nosos principais sectores produtivos, que ademais "son precisamente os que teñen maior capacidade de crear emprego digno e de calidade”, engadiu.

"Co actual modelo produtivo créanse postos de traballo precarios en sectores sen perspectivas de futuro", denuncia CC.OO.

Pola súa banda, CCOO lamenta que os datos do paro rexistrado "só constaten emprego precario e abandono do mercado laboral". Para Maica Bouza, secretaria de Emprego do sindicato, o Goberno galego "segue sen abordar o problema do emprego". "Co actual modelo produtivo créanse postos de traballo precarios en sectores sen perspectivas de futuro", sinalou, engadindo que "cómpre outro modelo produtivo, que xere emprego de calidade e beneficie as persoas e o conxunto da economía".

Xuño presenta habitualmente datos positivos para o emprego CC-BY Darío Álvarez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.