O mes de xaneiro foi o segundo peor comezo de ano de toda a serie histórica

Raquel Arias e Ana María Díaz © Xunta

Suma e segue. Non chorou hoxe a Candeloria nin falta que fixo para comezar o segundo día do mes de febreiro con datos para as bágoas. A destrución de emprego, a verdadeira crise económica española, corre e voa mes a mes sen que amose síntoma algún de pretender deterse. No mes de xaneiro o desemprego aumentou en máis de 174.400 persoas en todo o Estado. Foron 47.000 persoas máis que no mes de xaneiro de 2011, 53.000 máis que dous anos atrás... Así ata continuar nunha sucesión case infinita dun desastre real que non se combate con austeridade, como así o reflicten as estatísticas.

Á hora de analizar os datos do desemprego hai que diferenciar entre paro rexistrado e Enquisa de Poboación Activa (EPA). Os datos que coñecemos este xoves son os que elaboran os servizos de emprego e difunde o Ministerio de Trabajo. Hai unha lixeira diferenza entre ambos, de aí que o Goberno central difunda hoxe que o número de desempregados contabilizados estea por debaixo dos 4,6 millóns de persoas cando a EPA xa avanzou que o paro supera con facilidade os cinco millóns.

O número de traballadores que perderon o seu emprego en xaneiro aumentou un 4% intermensual e un 8,72% interanual. Estas porcentaxes reflicten que non houbo recuperación do mercado laboral e que as caídas puntuais no número de parados explícanse co chamado efecto estacional do calendario. De aí os datos non foran tan severos no verán (contratación eventual para a hostalaría, por exemplo) ou en setembro (no agro, para as campañas de recollida da uva ou as olivas). En Galicia, desde logo, non hai ningunha fiestra pola que entre esa luz que simboliza as recuperacións en moitos discursos económicos ou políticos.

Galicia e a destrución neta

Se o desemprego medrou en España un 8,7% no último ano, en Galicia o incremento foi do 10,35%. No último mes a suba foi superior ao 5%, un punto por riba da media do Estado. Isto traduciuse na destrución de máis de 13.000 postos de traballo no último mes e máis de 25.400 no último ano. Foi o chamado terceiro sector (ou o servizos) o que máis persoas mandou ao paro durante xaneiro, con máis de 9.100 persoas. Todos os sectores de actividade eliminaron emprego. O agro foi o menos lesivo para o mercado laboral, con 189 traballadores menos. A industria e a construción eliminaron 1.238 e 1.877 postos de traballo, respectivamente.

Asímesmo, a estatística oficial non contabiliza ás persoas que, por exemplo, realizan cursos de formación. O exministro Jesús Caldera permitiu, na primeira lexislatura de Zapatero, crear os denominados Denos (demandantes de emprego non ocupados). Se tomamos estes datos por bos, o paro en Galicia non sería de 270.000 persoas senón de 287.773 galegos.

A ministra de Emprego, Fátima Báñez © MTIN

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.