O 'mileurismo', inalcanzable para máis da metade da poboación asalariada galega

Billetes de euro Dominio Público Petr Kratochvil

"Eu son mileurista". Así titulou Carolina Alguacil a carta ao director que en 2005 publicou en El Paísinaugurando un termo que neses anos de crecemento económico e enriquecemento dun sector da sociedade designaba un sector da poboación moi concreto: novo e ben formado, pero con salarios que non chegaban aos mil euros mensuais ("O mileurista hai tempo que decidiu marchar de casa, e gasta máis dun terzo do seu soldo en alugueiro (...) O mileurista non aforra, non ten casa, non ten coche, non ten fillos, vive ao día"). O mileurismo era na súa orixe unha categoría da que escapar, que moitos soñaban con deixar atrás. Se os primeiros mileuristas recibían as migallas do auxe económico da década pasada, a recesión iniciada en 2008 golpeou máis aos sectores máis desprotexidos e acabou por transformar o concepto, convertendo para moitos e moitas esa condición de mileurista nun obxecto de desexo inalcanzable.

Salarios baixos, empregos a tempo parcial ou encadeamento de contratos para moitas persoas que traballan de maneira intermitente, debuxan un escenario de subemprego

Hai tempo que os sindicatos e outras organizacións sociais advirten da crecente importancia do fenómenos dos e das "traballadoras pobres". Se a realidade de quen non atopa un emprego é moi dura, hai milleiros de persoas que sofren verdadeiras dificultades para chegar a fin de mes, mesmo recibindo un soldo. Salarios baixos, empregos a tempo parcial ou encadeamento de contratos para moitas persoas que traballan de maneira intermitente, debuxan un escenario de subemprego, unha masa moi ampla de traballadores e traballadoras que en Galicia non chegan a ser mileuristas. Son, ademais, maioritariamente novos e novas, un enorme paso a atrás con respecto a aqueles e aquelas mileuristas de 20 e 30 anos da pasada década. Un escenario que expulsa máis e máis mozos e mozas ao exilio económico.

Os datos achegados polo IGE a partir da Mostra continua de vidas laborais facilitada pola Seguridade Social, amosan que en 2013 (último ano para o que hai datos completos) apenas 392.725 asalariados e asalariadas galegas ingresaron máis de 15.000 euros brutos, o que dividido en 14 pagas equivale a un soldo bruto mensual de 1.071 euros. Pola contra, 439.650 traballadores e traballadoras por conta allea tiveron ingresos inferiores, non chegando nin sequera a esa condición de mileuristas. Deles, 339.700 ingresaron menos de 12.000 euros brutos (857 euros mensuais).

En 2013, 439.650 traballadores e traballadoras galegas por conta allea tiveron ingresos anuais inferiores aos 15.000 euros brutos, fronte a 392.725 que si superaron esa cantidade

Se analizamos a situación por grupos de idade, vemos como a situación é moito peor entre os asalariados e asalariadas de menos de 35 anos. 78.000 tiveron ingresos superiores aos 15.000 euros brutos, pero a gran maioría (191.200) non chegou a eses 1.071 euros brutos mensuais. Mesmo na franxa de idade seguinte (35-44 anos) segue habendo unha masa moi importante de traballadores e traballadoras con ingresos por debaixo desa cantidade: 121.725 gañaron menos de 15.000 euros brutos anuais, mentres que 130.225 superaron esa cifra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.