A pasada semana o INE e mais o IGE debullaban os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) correspondente ao cuarto trimestre de 2014, unha morea de datos o suficientemente ampla como para tirar dela perspectivas positivas e negativas, segundo a cifra que se priorice. Así, por exemplo, dende o Goberno galego púxose o foco na baixada interanual do desemprego, cun descenso dunhas 17.000 persoas, mentres que dende a oposición e as organizacións sindicais se expresou preocupación por indicadores como o descenso da poboación ocupada, a que ten traballo. Este é o contexto no que neste luns chega unha análise máis pormenorizada dos grandes números, a que ofrecen os fluxos da poboación activa, unha estatística que deixa tras de si seis preocupantes números para o mercado laboral galego.
64.800
Son as persoas que entraron na ocupación, isto é, as que pasaron a formar parte da poboación que ten emprego, a cal estaba formada a finais do ano que vén de rematar por un chisco máis dun millón de homes e mulleres. Esta cifra implica unha variación interanual do 10,2%, a cal podería ser lida como positiva de maneira illada, pero que o é menos se se ten en conta a cifra inmediatamente seguinte.
78.200
Estas 78.200 persoas son as que fan que as 64.800 anteriores non sexan un resultado especialmente positivo. Trátase dos traballadores e traballadoras que saíron da ocupación, é dicir, que perderon o seu emprego durante o cuarto trimestre de 2014 e non atoparon outro. Son máis, en termos absolutos, que as que entraron á ocupación e, asemade, a súa variación interanual é do 15,5%, case cinco puntos máis que a das persoas que entraron á ocupación, o que acredita que Galicia, ao contrario que a media do Estado, seguiu destruíndo emprego no primeiro ano da suposta recuperación económica.
94.200
Entran no paro máis persoas das que saen e abandonan a ocupación máis persoas das que se incorporan a ela
É o número de persoas que entraron en situación de desemprego durante o período analizado. Como é obvio, malia á baixada total a respecto do ano anterior, houbo persoal que pasou a engrosar o continxente do paro neses últimos catro meses, máis aínda tendo en conta o incremento galego de 30.100 persoas. Esas 94.200 entradas no paro supoñen un incremento do 7,7% con relación a 2013.
86.000
É a estimación de mulleres e homes que saíron do paro. Como no caso da ocupación, cómpre ler esta cifra ao carón da anterior para observar o seu carácter negativo. Saen do paro menos persoas das que entran e, ademais, o seu incremento interanual, do 2,9%, é sensiblemente inferior ao devandito 7,7% das novas paradas.
66.300
Os datos oficiais reforzan as teses que ven a emigración como principal responsable da perda de poboación activa
Son as persoas que pasaron a formar parte da poboación activa galega, isto é, da poboación que traballa no país ou está en condicións de facelo e por iso busca un emprego en territorio galego. Este indicador aumentou un 2,3% a respecto do 2013, nun contexto no que a mingua da poboación activa é un dos síntomas máis preocupantes do panorama laboral de Galicia.
71.500
As mulleres e homes que saíron da poboación activa galega, que en conxunto caeu en máis de 19.000 persoas nos últimos doce meses. Son, evidentemente, máis persoas das que entraron e, ademais, o seu incremento porcentual, do 2,4%, é tamén lixeiramente superior. Segundo o PP o descenso da poboación activa débese ás xubilacións e ás persoas que xa non "declaran" que están buscando traballo, se ben os datos oficiais reforzan as teses que ven a emigración como principal responsable destes resultados.