O naval esmorece entre as promesas incumpridas de Feijóo

Protesta de traballadores do naval CC-BY-SA CIG

"Carga de traballo xa". É a reivindicación que o naval ferrolán levou hoxe ás rúas e que os estaleiros galegos levan facendo desde hai xa anos ante as continuas promesas convertidas en fume que chegan desde o Goberno central e autonómico. Será, ben seguro, outro dos temas que os grupos parlamentarios tratarán no Debate sobre o Estado da Autonomía que a vindeira semana se celebrará no Parlamento. Case nada cambiou desde o último exame á situación do país, celebrado hai máis de ano e medio. Dezanove meses despois, as rías de Ferrol e Vigo nada saben de novos encargos, do dique flotante, dos quimiqueiros ou dos xa polémicos floteis de Pemex. E o paro e a desesperación medran entre os 15.000 traballadores que, directa ou indirectamente, dependen deste sector.

Uns 800 traballadores rematarán o último buque en construción e uniranse aos 2.500 que perderon o emprego na ría de Ferrol desde 2011

Ás rúas de Ferrol volveron saír este xoves uns 2.000 traballadores, fartos xa de agardar por encargos. Os representantes dos operarios de Navantia alertaron outra vez de que nun mes finalizarán os traballos no último buque que queda en construción, o segundo LHD encargado a Australia, e cuxo remate deixará sen ocupación outras 800 persoas. Case un milleiro de empregados de Navantia que se unirán aos 2.500 traballadores -entre os dos estaleiros e os das empresas auxiliares- que perderon o traballo desde 2011 e que incrementarán a estatística que sitúa o concello de Ferrol e a súa comarca entre as zonas con maior taxa de desemprego da UE, superando o 30%.

Polo medio, protestas, folga xeral comarcal, a confirmación do desinterese do Goberno central polo ansiado dique flotante ou a as eternas promesas e escusas para xustificar o atraso do dique flotante de Pemex que Núñez Feijóo prometera na precampaña de 2012 e que acumula máis dun ano de demora. De quimiqueiros, encargos novos ou expectativas de futuro, nada de nada. E Navantia, fortemente criticada polo seu desleixo, incluso desde a Xunta e o Concello de Ferrol, continúa calada.

Mentres, nos estaleiros de Vigo tamén seguen á espera. Pemex anunciou a súa entrada en Barreras, o que levaba implícita a contratación do flotel que agora espera por unha licitación internacional que non se resolverá até finais do mes de novembro. Antes, a resolución do tax lease engadiu aínda máis incertidume e inseguridade xurídica a un sector máis necesario que ningún de certezas para avanzar. Entre 2007 e 2011 contratáronse preto de 50 barcos en Galicia, a maioría na ría de Vigo, e tamén a maioría de todos os buques foron asinados baixo ese sistema que en xullo a Unión declarou ilegal e do que aínda se está á espera de saber cal será a cantidade a devolver.

En 2009, o sector naval daba traballo en Vigo a 12.000 persoas e hoxe quedan tan só uns 3.000 en activo

En 2009, o sector naval daba traballo en Vigo a 12.000 persoas. Quedan apenas 3.000 en activo, que estaban pendentes da decisión de Bruxelas. A escasa actividade que aínda se mantén débese a contratos asinados hai un ou dous anos ou a sectores auxiliares que sobreviven grazas á exportación. Os tres grandes, Barreras, Vulcano e Freire, están case parados. Toda a economía que xeraba o naval, coma os transportes especiais, empresas de verificación, a enxeñaría industrial e técnica, caeu con eles. E cando o sector fóra de España empeza a ofrecer síntomas dunha incipiente recuperación, coa crecente demanda de buques do tipo dos que se fabrican en Galicia, a incerteza do tax lease mantivo á marxe os estaleiros vigueses, que perderon varios contratos nos últimos meses.

O clúster do naval advirte que as auxiliares están "case difuntas" e Navantia, "case afundida"

E non só os traballadores son conscientes da gravidade da situación. O Clúster do Naval Galego (Aclunaga) censurou en máis dunha ociasión o atraso na adxudicación dos floteis e alerta de que as auxiliares do naval galego están "case difuntas e a punto de pechar en cadea", unha situación semellante á dos estaleiros agás casos excepcionais como os de Metalships, Cardama, Armón ou Nodosa. En canto a Navantia, as súas previsións son claras: "está case afundida".

De boas novas, case nada, agás algunha excepción como a contratación por parte da navieira Fernández Tapias da transformación dun buque que será usado por Pemex e que xerará 150.000 horas de traballo. Pouco máis neste último ano e medio. O que pasou desde que Feijóo se proclamara gañador do último Debate do Estado da Autonomía. E máis dun ano despois daquela sinatura de acordo coa petroleira mexicana do que só se sabe que hai prometidos dous floteis que, como aseguran os traballadores, polo momento só son "fume".

Peche de traballadores nos estaleiros de Vigo CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.