O naval fártase dos "mentireiros" da Xunta e da falta de carga de traballo

Os traballadores prenden barricadas en Ferrol Dominio Público @maria_panblanco

O naval perdeu a paciencia hai tempo. E outra vez, este venres, 2.000 traballadores de Navantia e de empresas auxiliares saíron á rúa e cortaron o tráfico con barricadas nunha protesta na que volveron reclamar carga de traballo para un sector que esmorece. Máis de dous milleiros de empregos destruídos nos últimos 18 meses e unha morea de promesas incumpridas fixeron que os operarios se unisen ás manifestacións que se desenvolveron no resto de centros de traballo da empresa estatal.

Uns 2.000 traballadores saíron á rúa para denunciar a falta de traballo e a situación na que queda a comarca pola crise do naval

O trafico chegou a estar cortado sobre unha hora na avenida de Esteiro. "Non hai máis que dar unha volta polos polígonos para ver que se están a converter en desertos", destacou Ignacio Naveiras, voceiro do comité de Navantia Ferrol, que lembrou que estas áreas viven "nun 80% do naval" e que "xente de restaurantes ou gasolineiras" é a que mellor pode reflectir "o efecto" que provoca na comarca a situación dos estaleiros.

Ademais, os traballadores volveron censurar a falta de avances nos trámites para a construción do dique flotante, así como nos prometidos floteis cos que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encheu de promesas a campaña das últimas eleccións autonómicas. "A Xunta e Feijóo volveron de México co rabo entre as pernas", denuncia Naveiras. "Dos floteis, ao regreso non falaron, sinal de que o tema non debía ir ben", engadiu, tras acusar "de mentir" ao Goberno galego.

"A Xunta e Feijóo volveron de México co rabo entre as pernas", critica o comité de Navantia

"Antes de saír dicían que ían referendar uns acordos xa feitos, hai 11 meses deron isto por feito, Cristóbal Montoro dixo que en marzo se cortaría chapa e a día de hoxe, non é que non se poida cortar, é que non está pedida nin está dentro da factoría, co cal temos que volver dicir que son uns mentireiros e que están a xogar coas familias e o futuro da xente", reprochou.

O comité de empresa volveu lembrar tamén que a finais deste ano entregarase o único buque que queda en construción en Navantia, o LHD encargado por Australia, pero que os traballos xa se finalizarán meses antes. A falta de ocupación xa provocou a perda de "2.200 empregos", segundo di, de empresas auxiliares na comarca de Ferrolterra, e moitos dos 1.900 postos de traballo que quedan están inmersos en ERE. A subocupación tamén empeza a afectar aos 2.300 operarios de Navantia Fene-Ferrol.

Os traballadores advirten de que as críticas do Goberno a Venezuela poñen en risco os contratos de Navantia co país suramericano

Tampouco dubidaron os representantes dos traballadores en denunciar a postura política do Executivo con Venezuela, o que podería impedir que se ampliase o contrato co país suramericano para a construción militar.  Os estaleiros de Navantia asinaron en 2005 un acordo coa república bolivariana para a construción de oito buques, que se realizaron no estaleiro de Cádiz.

"A postura do Goberno entrando na casa dos demais discutindo se é lexítimo un proceso interno é unha irresponsabilidade, e pode ser unha desgraza que ese contrato non veña para Navantia", concluíu.

Os traballadores prenden barricadas en Ferrol Dominio Público @maria_panblanco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.