O naval péchase nos estaleiros e segue a presionar a UE polo 'tax lease'

Porta dos estaleiros Barreras © CIG-Metal

Traballadores do naval da ría de Vigo comezan na tarde deste martes varios peches nos estaleiros da comarca, coa intención de permanecer nos centros de traballo até que a Comisión Europea se pronuncie mañá mércores sobre a devolución das bonificacións fiscais do tax lease e logo de que a UE aceptase que as axudas fosen reintegradas a partir de abril de 2007 e non desde 2005, unha proposta que tanto sindicatos como administracións seguen a considerar "insuficiente".

Traballadores do naval péchanse como última medida de presión antes do proncunciamento da Comisión

Foron nos estaleiros de Freire onde comezaron os primeiros peches, logo de que o comité de empresa e parte do cadro de persoal decidise quedar nas instalacións até que a Comisión se pronuncie. No resto de centros de traballo a idea é que os encerros se iniciasen durante tarde, en canto finalice a xornada laboral. É o caso de Cardama, Metalships, Barreras ou Armón.

Os traballadores apoian así a iniciativa de CIG, CCOO e UGT, que ven nestes peches unha última meedida de presión antes de que este mércores o Colexio de Comisarios resolva o expediente aberto ao anterior sistema español de bonificacións fiscais do naval, obxecto dun expediente aberto hai dous anos pola Comisión da Competencia por mor dunha denuncia de Holanda. Xunta, Goberno central e operarios advirten que obrigar á devolución das axudas suporía a morte do sector naval e a perda de preto de milleiros de empregos.

Os portavoces sindicais do sector naval xa advertiron a semana pasada de que proseguirían coas súas accións de protesta, que aumentarían en intensidade conforme se achegase a data decisiva: o 17 de xullo. Os representantes dos traballadores insisten en demandar que non haxa que devolver ningunha axuda e volven demandar que non se pode cargar a un sector coa devolución dunhas axudas das que "non son culpables nin os traballadores nin as empresas".

 

O BNG presenta unha emenda na que insta a Rajoy  a "implicarse máis"

Mentres, e por outra banda, a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila,  presentou este martes unha emenda á proposición non de lei asinada por todos os grupos parlamentares sobre o sector naval que vai a debate esta tarde no pleno. A proposición asinada por todos os  grupos foi presentada o 2 de xullo, pero a día de hoxe “debe ser máis contundente”, advirte o Bloque.

A proposición asinada por todos os grupos "debe ser máis contundente agora"

A proposición non de lei sobre a defensa do sector naval e o problema do tax lease, foi presentada o pasado 2 de xullo, e subscrita por todos os grupos parlamentares da Cámara. Davila considera que aínda que se trata dunha iniciativa común, “desde o 2 de xullo se produciron novidades, houbo unha xuntanza con Almunia en Bruxelas, e consideramos desde o BNG que a resolución debe ter un cariz máis contundente, entre outras cousas, porque estamos na recta final da decisión dos Comisarios da UE que se dará a coñecer mañá”.

A portavoz do BNG insta ao Goberno a “levar a cabo as actuacións políticas necesarias ante a UE, coa implicación do propio presidente do Goberno español, para evitar a devolución das bonificacións fiscais pola aplicación do anterior tax lease, situación que comprometerá seriamente a viabilidade futura dos estaleiros do Estado español, nomeadamente os da ría de Vigo”.

“A estas alturas e despois do que sabemos nos últimos días, Davila afirma que “a resolución que vai á sesión plenaria desta tarde precisa dun tón máis firme, contundente e claro”. Lembramos o texto da proposición conxunta que insta ao Goberno a “que solicite ante as instancias da UE, a reconsideración da proposta avanzada polo Comisario da Competencia de devolución pro España das axudas do tax lease, na liña coa declaración institucional adoptada o 1 de xullo polo Ministerio de Industria, gobernos autonómicos e Pymar”.

Para Olaia Fernández Davila “o día de hoxe é clave para que o mesmo Rajoy intensifique as xestións ante distintos estados da UE, e diferentes instancias comunitarias. Debe comprometerse a fondo e reduplicar as actuacións porque mañá é moito o que nos xogamos, a mesma vida dos nosos estaleiros e miles de postos de traballo que non nos podemos permitir perder”. O debate da moción estaba previsto para última hora da tarde deste martes.

Manifestación de traballadores do naval en Vigo Dominio Público @galizaCIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.