O naval protesta no Parlamento mentres no Congreso Montoro bota balóns fóra

Antidisturbios ante a manifestación do naval CC-BY-SA Merixo

Hai tempo que a paciencia dos traballadores do naval rematou. Este mércores máis de dous milleiros de empregados dos centros de Navantia en Fene e Ferrol e das súas industrias auxiliares manifestáronse diante do Parlamento para facer ver o seu anoxo pola falta de carga de traballo e por meses de promesas incumpridas e de proxectos anulados ou adiados. Os estaleiros levan sete meses sen apenas actividade e no último ano ao redor de dúas mil persoas quedaron sen emprego.

Son estas promesas incumpridas o que máis irrita a este colectivo de traballadores. Sobre todo nos meses previos ás eleccións de outubro o Goberno galego defendeu sen cesar que tanto o dique flotante coma os floteis supostamente encargados por Pemex se ían construír nos estaleiros das rías de Vigo e Ferrol. Porén, unha vez que o PP revalidou a súa maioría absoluta estas promesas comezaron a esfarelarse. Por iso os berros aludindo ás "mentiras" do Goberno de Feijoo ou a que "todo era fume" foron os máis escoitados ás portas do Parlamento. Houbo fume, ademais, cando os concentrados queimaron unha réplica en papel dun buque de Pémex.

Os traballadores estiveron acompañados no seu percorrido entre a Alameda e o Hórreo por varios deputados e deputadas dos grupos da oposición, entre eles Beatriz Sestayo, do PSdeG, Yolanda Diaz, de AGE, e Francisco Jorquera, do BNG. Á chegada ás proximidades da cámara os manifestantes atoparon un numeroso cordón policial formado por ducias de antidisturbios que lles impediron achegarse máis. 

Os traballadores estiveron acompañados no seu percorrido entre a Alameda e o Hórreo por varios deputados e deputadas dos grupos da oposición, entre eles Beatriz Sestayo, do PSdeG, Yolanda Diaz, de AGE, e Francisco Jorquera, do BNG

No interior do Parlamento os grupos da oposición interrogaron a Alberto Núñez Feijoo sobre esta cuestión na sesión de control ao Goberno. O presidente da Xunta respondeulle a Yolanda Diaz "que non se preocupase" e insistiulle que haberá "carga de traballo ou dique". De igual xeito constestoulle a Francisco Jorquera que dende que é presidente non fixo "outra cousa que traballar polo naval". Pola tarde a socialista Beatriz Sestayo preguntaralle ao conselleiro Francisco Conde sobre o tema.

A protesta fíxose notar no interior do Parlamento, onde se escoitaban os berros procedentes do exterior. O celo pola seguridade ou por manter a cámara allea ao que sucedía fóra fixo que por exemplo se pechase o acceso a unha sala dende a que varios xornalistas estaban tirando fotos ou gravando vídeos da manifestación que tiña lugar na rúa.

 

Montoro: "Ferrol ten carga de traballo"

Rosana Pérez acusou o PP de “enganar a cidadanía galega na campaña electoral cando prometeu a construcción do dique flotante na Ría de Ferrol

Mentres isto sucedía en Compostela, en Madrid Cristóbal Montoro esforzábase en manter o discurso sostido polo PP nos últimos meses. Repondendo a unha pregunta da deputada do BNG Rosana Pérez, o ministro de Facendo afirmaba que a construción do dique flotante "non está descartada", aseguraba que os estaleiros da Ria de Ferrol "teñen carga de traballo para varios meses" e pediu que se saque este tema do debate político. Montoro foi máis aló e criticou que na campaña electoral se puxese en dúbida a existencia de contratos "que lle van dar a El Ferrol carga de traballo", referencia aos supostos encargos de Pemex.

A deputada do BNG acusou o PP de “enganar a cidadanía galega na campaña electoral cando prometeu a construcción do dique flotante na Ría de Ferrol. Tomaron a decisión política de enganarnos porque foi a promesa estrela de Feijoó”. Ademais, reprochoulle a Montoro que “utilizasen esas promesas e incluso se atrevesen a tildarnos de anti patriotas aos que cuestionamos e desconfiamos da súas palabra” e criticou que “nos fixeran perder o tempo creando unha Comisión de Estudo para a viabilidade do dique, coñecendo de sobra o veto da UE”.

E concluíu: “só pasaron tres meses das eleccións galegas, e agora a SEPI anuncia o que xa o BNG sospeitaba na campaña,  non haberá dique flotante. Rematan coas ilusións de miles de traballadores angustiados polo seu futuro, desentendéndose agora de todo”. Rosana Pérez pediulle ao ministro que "deixen de mentir aos galegos e galegas e digan con claridade que decidiron pechar o noso sector naval, digan que Navantia non ten futuro porque o Goberno do PP decidiu claudicar ante a UE”.

O ministro afirmou que "en Ferrol hai carga de traballo garantida para moito tempo”. Porén, mantivo a ambigüidade en relación co dique flotante, sobre o que se limitou a afirmar que "non está descartado"

Na súa resposta Montoro reiterou que as “negociacións coa UE avanzan" e que Navantia Ferol “en marzo vai comezar a cortar chapas”. O ministro afirmou que “estamos a traballar" e que "en Ferrol hai carga de traballo garantida para moito tempo”. Porén, mantivo a ambigüidade en relación co dique flotante sobre o que unha e outra vez se limitou a afirmar que "non está descartado". Segundo Ignacio Naveiras, voceiro do comité de empresa, nestes momentos a única actividade do estaleiro é o remate dun segundo buque para Australia. En setembro todo o cadro de persoal estará sen actividade e a industria auxiliar desaparecerá por completo.

Os manifestantes queiman un 'flotel' de Pemex CC-BY-SA Merixo
Vehículos policiais ante o Parlamento CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.