O naval sae á rúa en Vigo en defensa do sector

Manifestación na folga do naval en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

A xornada de folga xeral no sector naval privado comezou en Vigo coas primeiras marchas de traballadores pola cidade. Uns 2.000 operarios dos estaleiros da comarca saíron en manifestación -un grupo desde Barreras e outro desde Vulcano, en Teis- para culminar a protesta ante a sede da Xunta nun día no que os sindicatos cualificaron de total o paro na industria.

"Europa escoita, o naval está en loita", rezaba a pancarta que encabezaba a manifestación

Os traballadores reclaman unha solución urxente para o sector, ameazado ademais pola próxima resolución do expediente do tax lease e por unha probable devolución das bonificacións recibidas durante anos que o condenaría a unha situación tráxica. Europa escoita, o naval está en loita, recórdanlle ás autoridades comunitarias os operarios dos oito estaleiros da comarca que están chamados ao paro (Factoría Naval de Marín, Metalships, Freire, Barreras, Cardama, Armón, Vulcano e Valiña) e que tamén secundan os empregados dunhas duascentas compañías auxiliares. En total, máis de tres mil persoas.

A folga xeral lévase a cabo en toda a industria naval non pública do Estado, foi convocado conxuntamente por CCOO, UGT, CIG, ELA e CAT e afecta a case vinte estaleiros de Galicia, Euskadi, Cantabria, Asturias, Baleares e Canarias. Entre as consignas dos traballadores pódense escoitar berros contra o comisario da Competencia, Joaquín Almunia, e contra a Xunta de Galicia e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo. Ademais, os operarios tamén se concentraron ante a sede da Axencia de Control de Pesca, onde colgaron  unha pancarta feita con roupa de traballo e onde pegaron moreas de carteis pedindo unha resolución favorábel do tax lease.

Por outra banda, en Ferrol, traballadores dos estaleiros públicos de Navantia amosaron o seu apoio á folga xeral e ás mobilizacións dos seus compañeiros cunha concentración ao mediodía.

Os sindicatos advirten de que o futuro do sector naval e da comarca depende da resolución do 'tax lease'

Na asemblea celebrada tras a manifestación, os representantes dos sindicatos volveron advertir de que o futuro do sector naval e da comarca enteira depende da resolución do tax lease. Ademais, fixeron un chamamento aos traballadores e a toda a cidadanía para que secunden unha nova protesta, que se celebrará o vindeiro 27 de xuño a partir das 20 horas desde o cruxe de Urzáiz con Vía Norte.

Así, Ramón Sarmiento, responsable de CCOO, non dubidou en culpar a Joaquín Almunia da parálise do sector logo dos dous anos sen resolución do tax lease. Malia as dificultades, asegurou que o naval ten "capacidade" para seguir conseguindo contratos. "Non sabemos do ta lease, pero si de facer barcos e queremos seguir facéndoos", asegurou.

"Sen naval non hai comercio, nin hostelería, nin cartos para gastar"

Pola súa banda, Diego Atanes, de UGT, cargo contra a Xunta por "enganar" os traballadores con promesas de contratos que "quedan en fume", ademais de criticar o Goberno central por "mirar para outro lado". "Sen naval non hai comercio, nin hostelería, nin cartos para gastar", engadiu. César Rodríguez, da CIG, lembrou que a industria naval supoñía o 30% da riqueza da comarca hai tan só catro anos e animou a "resolver na rúa" a crise do sector.

Manifestación do naval en Vigo Dominio Público @NosGaliza
Manifestación na folga do naval en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.