O naval vigués vai á folga xeral para reclamar solucións á crise do sector

Porta dos estaleiros Barreras © CIG-Metal

O naval vigués vai este xoves á folga xeral. Azoutado pola crise, o paro e a falta de carga de traballo, os traballadores dos estaleiros privados da comarca están chamados a un paro convocado en toda a industria naval non pública do Estado e convocado conxuntamente por CCOO, UGT, CIG, ELA e CAT. Reclamarán así unha solución urxente para o sector, ameazado ademais pola próxima resolución do expediente do tax lease e por unha probable devolución das bonificacións recibidas durante anos que o condenaría a unha situación tráxica.

Á folga xeral uniráselle unha manifestación e a celebración dunha asemblea ante a delegación da Xunta

Despois de que Comisións e UGT xa acordaran hai tempo a celebración deste paro, e tras o ofrecemento da CIG para un paro comarcal total en Vigo, finalmente houbo acordo e todas as centrais sindicais acordaron comezar as protestas con esta folga xeral nunha xornada que se iniciará con concentracións, xa a primeira hora da mañá, nos diferentes centros de traballo. Ademais, dúas manifestacións -unha que partirá desde Teis e outra desde Beiramar- confluirán no centro da cidade para finalizar cunha asemblea fronte á delegación da Xunta sobre as 12.30 horas. Os estaleiros galegos cuxos operarios están chamados á folga son Factoría Naval de Marín, Metalships, Freire, Barreras, Cardama, Armón, Vulcano e Valiña, ademais doutros dez en Asturias, Euskadi, Canarias, Cantabria e Baleares.

Os sindicatos reclaman solucións "urxentes" á "crítica" situación e piden ao Goberno que exixa unha resolución favorable ao 'tax lease'

As reclamacións van dirixidas ao Goberno central para que afronte "urxentemente" a "crítica situación" do sector naval privado e para que exixa unha resolución favorable do tax lease que impida ter que devolver as bonificacións fiscais que estiveron vixentes entre 2002 e 2011. Todos os sindicatos coinciden tamén en reclamar a entrada en vigor do novo sistema que permita "a continuidade do sector" e no que se prevé a amortización anticipada de determinados activos adquiridos a través do arrendamento financeiro.

As centrais tamén solicitan ao Executivo medidas de apoio para o naval, como liñas de crédito, primas á construción naval, un fondo de reestruturación ou fortalecemento do fondo patrimonial de garantías de Pymar. Ademais, reclaman tamén que se convoque xa a mesa da industria auxiliar.

BNG e PP reprochan a Caballero que pida "unha gran fronte" cando o seu partido "é responsable da situación"

En canto ás reaccións políticas na cidade, Abel Caballero teimou na súa idea de crear "unha gran fronte" xunto ao Goberno galego e español para defender o sector ante o posible resolución contraria do tax lease. "Non pode haber nin un euro de devolución", asegurou o rexedor, que foi contestado rapidamente polo BNG e o PP. Iolanda Veloso, voceira nacionalista no Concello, cualficou de "sorprendente" a actitude do alcalde, cuxo partido, segundo a concelleira, "é responsable da situación", en referencia á actitude do comisario da Competencia, o socialista Joaquín Almunia. José Manuel Figueroa, portavoz conservador, criticou a "caradura política" de Caballero logo de "estar tanto tempo sen facer nada". "A retroactividade  suporía unha morte segura do naval, e só haberá un responsable: o alcalde de Vigo", rematou.

Manifestación polo naval en Vigo CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.