O naval volve á rúa farto das falsas promesas da Xunta e do Estado

Manifestación polo futuro do naval en Galicia © CIG-Metal

Fartos de falsas promesas e de agardar por unha carga de traballo que non chega, o naval comeza o que xa prevé que será un "outono quente" con novas mobilizacións para exixir encargos a unha industria que esmorece e que asiste abraiada desde hai anos ao anuncio de compromisos que non se concretan en emprego ningún. En Ferrol e Fene, os comités de Navantia acordaron celebrar este xoves unha asemblea na que decidirán as protestas que levarán a cabo nas vindeiras semanas, que se iniciarán nesta mesma xornada e que para nada prevén ser pequenas. Na ría de Vigo, a CIG chamou a reactivar as mobilizacións en defensa do sector ante a falta de compromiso do Estado, ao que acusan de empregar o naval como moeda de cambio para conseguir axudas europeas.

O naval ferrolán comeza este xoves as mobilizacións e en Vigo a CIG pide reactivar xa as protestas

A paciencia esgotouse hai xa ben tempo, pero o final do verán e o último atraso anunciado por Pemex na licitación dos prometidos floteis -un para Navantia e outro para Barreras- rebordou o vaso dos traballadores. Desde a ría de Ferrol os comités dos estaleiros insisten nas "promesas e fume" nas que quedaron os compromisos sobre o dique flotante, os buques hoteis da petroleira mexicana ou os quimiqueiros. Polo camiño, e desde hai dous anos, 2.500 empregos perdidos, tan só un milleiro de operarios traballando e un futuro no que non se albisca actividade ningunha en canto se finalicen os últimos detalles do megabuque australiano. E todo nunha comarca cunha das maiores taxas de paro de España e da UE.

Como pequeno alivio, Navantia asinou este mércores en Madrid un contrato coa navieira Fernández Tapias para a reforma dun buque, que se levará a cabo nos estaleiros ferroláns e que operará no Golfo de México cun contrato da petroleira Pemex.  No entanto, as críticas dos representantes dos traballadores repártense entre a Xunta, o Goberno central e a dirección de Navantia, á que censuran pola súa "nefasta xestión" logo de non pechar contrato militar ningún nos últimos tempos a falta dunha "acción comercial decidida". En Vigo tamén se reparten culpas.

A CIG acusa o Estado de "deixar morir o naval" para usalo "como moeda de cambio" e conseguir axudas europeas

Nunha rolda de prensa, este mesmo mércores, o responsábel nacional do naval da CIG, César Rodríguez, pediu que a presentación na UE das cantidades a devolver polos investidores segundo o expediente do tax lease non sexa utilizado "para perder tempo e volver á dinámica e parálise" anterior que provocou unha longa espera de dous anos. "O sector xa non ten tempo", explica, nunha afirmación na que coincide Manuel Simón, responsable de Metal na comarca, que cre que o Goberno central "está deixando morir" o naval español para empregalo "como moeda de cambio" para conseguir axudas europeas.

"A principal traba para a construción de barcos reside hoxe na falla de financiamento; temos un novo sistema de tax lease pero os pedidos non chegan”, advirte a CIG, que denuncia que cada vez “un maior número de man de obra especializada emigra a países como Holanda ou Panamá”.

Ademais, para o sindicato nacionalista, a adquisición de Barreras por Pemex meses atrás formou parte da “cortina de fume” orquestrada pola Xunta do PP para “botar balóns fóra” sen que isto se teña concretado na activación dun dos máis importantes estaleiros privados do país. "Mentres tanto, a empresa mexicana adía máis unha vez a decisión sobre a construción dos navíos no noso país, ao tempo que recorda que existen outros concorrentes noutros mercados", di a CIG.

Ante esta situación, a central pide "reactivar a mobilización e non caer na pasividade" e apela os demais sindicatos para “non caer nas trampas do Goberno” e "esixir, dunha vez por todas, que se estableza un marco normativo estábel e se viabilicen instrumentos de financiamento que permitan reanimar o sector".

 

O Clúster ve "case difuntos" as auxiliares e o estaleiro público

Pola súa banda, o presidente do Clúster do Naval Galego (Aclunaga), Fernando Alcalde, asume a súa preocupación polo novo atraso na adxudicación dos floteis de Pemex. "Cada día que pasa pesa como unha lousa no sector", dixo nunha entrevista na Radio Galega, que advirte de que o atraso sería "máis soportable" se houbese "carga de traballo".

"As auxiliares do naval galegas están case difuntas e Navantia, case afundida", di Aclunaga

Alcalde foi claro e asegurou que as auxiliares do naval galegas están "case difuntos e a punto de pechar en cadea", unha situación semellante á dos estaleiros agás casos como os de Metalships, Cardama, Armón ou Nodosa. En canto a Navantia, non dubidou en asegurar que está "case afundida" en Ferrol.

Ademais, pediu que se "acabe coa incertidume" que xera a sanción polo tax lease e admitiu que a situación de Novagalicia Banco tamén "infúe" no naval galego porque antes "participaba moi activamente" nas operacións de construción de buques, algo que "agora non fai". Por iso, advirte de que se o centro de decisións da entidade non permanece no país "pode perderse sensibilidade" co sector.

Marcha de traballadores do naval en Ferrol © Susete Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.