O número de empregos en Galicia sitúase nos niveis de 1998

Postos de traballo equivalentes a tempo completo Dominio Público Praza Pública

As contas económicas trimestrais feitas públicas este xoves volven poñer sobre a mesa o enorme impacto que sobre o emprego tivo a crise económica. A pesar que nos dous últimos anos o número de postos de traballo equivalentes a tempo completo creceu de forma constante en Galicia (dende o mínimo de 947.763 rexistrado en 2014 ata o actual 980.068), a cifra existente na actualidade segue situándose por debaixo da de 1998, hai 18 anos (990.569). O nivel máximo de empregos acadárase en 2007 (1.187.184), pero os seguintes sete anos de crise destruíron un total de 239 mil postos de traballo.

No conxunto de España o número total de postos de traballo contabilizados en xornadas completas (17,3 millóns) tamén segue por debaixo dos niveis previos á crise (20,2 millóns a comezos de 2008), pero neste caso temos que retroceder menos (a 2003) para atopar cifras equivalentes ás actuais.

Analizados os datos por sectores, obsérvase a crecente terciarización da economía galega. Dende 1995 o número e empregos no sector primario pasou de 203.402 aos actuais 71.393. Produciuse tamén un descenso en industria (de 157.818 a 145.458) e na construción (de 96.532 a 66.192), mentres que o sector servizos é o único que crece.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.