O número de empresas en quebra aumenta máis dun 40% en Galicia

Protesta contra o concurso de acredores dunha empresa CC-BY-NC-SA arribalasqueluchan

Máis crise, máis suspensión de pagos e máis quebras. As familias e empresas que se declararon en concurso de acredores ao non poderen afrontar os seus pagos e débedas no segundo trimestre deste ano ascendeu a 149 en Galicia, o que supón un aumento dun 35,5% con respecto ao mesmo trimestre do pasado ano 2011 (110), un incremento superior ao do conxunto do Estado (28,6%), onde os concursos chegaron aos 2.272 nos tres primeiros meses do exercicio. A cifra, en ambos os dous casos, volve amosar a gravidade dunha crise que non para. Son os datos máis negativos desde o inicio da crise e desde que hai rexistros oficiais.

    Do conxunto de debedores concursados en Galicia, 124 son empresas e 25 familias

Do conxunto de debedores concursados, 124 son empresas, mentres que 25 dos afectados foron persoas físicas sen actividade empresarial, unha porcentaxe semellante que hai un ano, cando o número de familias galegas en suspensión de pagos ascendía ás 15, mentres que 95 concursos afectaban a compañías. Xa que logo, a cifra de empresas que entrou en concurso de acredores aumentouse un 41% con respecto ao primeiro trimestre de 2011.

No conxunto do Estado, as empresas en concurso aumentaron un 36,2% no segundo trimestre, até as 2.026, mentres que as familias concursadas caeron un 12,1%, até sumar 246 procedementos de quebra, segundo a Estatística de Procedemento Concursal do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicada este luns.

En comparación co primeiro trimestre do ano, o número de debedores concursados aumentou un 2,2% entre abril e xuño, cun descenso do 7,5% das familias declaradas en quebra e un repunte do 3,5% nas empresas que entraron en concurso de acredores. Do total de concursos rexistrados no segundo trimestre, 2.111 foron voluntarios, un 27,1% máis que o mesmo trimestre de 2011, e 161 necesarios, un 51,9% máis.

O 30,8% das empresas que se declararon en concurso durante o segundo trimestre do ano tiñan como actividade principal a construción e a promoción inmobiliaria.

Un traballador do naval en Vigo CC-BY-NC-ND Salvador Moreira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.