O número de empresas que se declaran en quebra aumenta case un 50% en Galicia

Protesta contra o concurso de acredores dunha empresa CC-BY-NC-SA arribalasqueluchan

Máis suspensión de pagos e máis quebras. E máis dramas As familias e empresas que se declararon en concurso de acredores ao non poderen afrontar os seus pagos e débedas ascendeu a 149 en Galicia neste primeiro trimestre do ano, o que supón un aumento dun 27,35% con respecto ao mesmo trimestre do pasado ano 2011, un incrementosuperior ao do conxunto do Estado (21,5%), onde os concursos chegaron aos 2.224 nos tres primeiros meses do exercicio. A cifra, en ambos os dous casos, é histórica, xa que nunca se rexistrara un número tan elevado de debedores concursados desde que se se rexistran oficialmente. 

Do conxunto de debedores concursados en Galicia, 138 son empresas e 11 familias

Do conxunto de debedores concursados, 138 son empresas, mentres que 11 dos afectados foron persoas físicas sen actividade empresarial, unha porcentaxe menor que hai un ano, cando o número de familias galegas en suspensión de pagos ascendía ás 24, mentres que 93 concursos afectaban a compañías. Xa que logo, a cifra de empresas que entrou en concurso de acredores aumentouse un 48,4% con respecto ao primeiro trimestre de 2011.

Neste caso, o aumento si que é moi superior ao experimentado no conxunto do Estado, onde o número de empresas concursadas subiron un 24,9%, a metade do incremento que en Galicia, até sumar 1.958 procedementos de quebra, tal e como recollen os datos feito públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE). 

O incremento de empresas que entraron en concurso é case tres puntos superior ao do conxunto do Estado

Das 138 empresas que se declararon en quebra neste primeiro trimestre en Galicia, 114 delas eran sociedades limitadas, mentres que 19 conformábanse como sociedades anónimas. En canto á actividade económica principal, 39 das compañías en concurso de acredores dedicábanse á construción, 33 á industria e 29 ao comercio ao por maior, mentres que en relación co volume de negocio, a inmensa maioría das compañías sitúanse no tramo máis baixo (menos de dous millóns de euros).

Ademais, dos 149 concursos totais en Galicia, o 94,6% (141) foron voluntarios, e 133 deles abreviados. No conxunto do Estado, 2.105 foron voluntarios, un 22,3% máis que o mesmo trimestre de 2011, e 119 necesarios, un 9,2% máis. Atendendo á clase de procedemento, os abreviados aumentaron un 11,7% en taxa interanual, mentres que os ordinarios disparáronse un 149,6%.

Construción, industria e comercio son as tres actividades máis afectadas pola suspensión de pagos

Ademais, en España, dos 2.224 debedores concursados no primeiro trimestre, o 88% foron empresas (persoas físicas con actividade empresarial e persoas xurídicas). O 31,3% das empresas declaradas en concurso no primeiro trimestre tiñan como actividade principal a construción e a promoción inmobiliaria, con 612 empresas en concurso. Por detrás da construción situáronse a industria e a enerxía, sector que aglutinou o 18,7% das empresas concursadas no primeiro trimestre (367 procedementos), e o comercio, co 17,7% de concursos (347 procedementos).

Por comunidades, Cataluña, Madrid, Comunidade Valenciana e Andalucía foron as comunidades con maior número de declaracións de concurso no conxunto do primeiro trimestre, dado que acapararon máis do 58,4% do total. Cataluña sumou 495 concursos, Comunidade Valenciana rexistrou 335, Madrid tivo 242, Andalucía, 226, e o País Vasco, con 161. Galicia é a que segue a Euskadi. No lado oposto, as rexións con menos suspensións de pagos no primeiro trimestre foron Cantabria, con 21 procedementos; A Rioxa, con 23, e Estremadura, con 27 concursos.

 

Protesta contra o concurso de acredores dunha empresa CC-BY-NC-SA arribalasqueluchan

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.