O número medio de parados galegos aumentou en 184.000 desde o inicio da crise

Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

As estatísticas volven amosar a elevadísima destrución de emprego que a crise está a provocar no país. Tal e como se tira dos datos publicados o pasado venres polo INE -correspondentes á media anual dos catro trimestres de 2013 da EPA- o número medio de parados en Galicia no ano pasado situouse nas 282.600 persoas, o que supón case multiplicar por tres a cifra media do ano 2007 (98.700).

O número medio de parados case se triplicou nos últimos seis anos

Deste xeito, a media de persoas en paro medrou un 4,4% respecto de 2012, cando a cifra se situaba nos 270.700 desempregados. A progresión foi continua desde hai seis anos: 200.300 en 2010, 165.900 en 2009, 114.700 en 2008 e 98.700 en 2007. Xa que logo, o número medio de parados incrementouse en 183.900 desde o ano anterior ao comezo da crise.

Ademais, o ano pasado, os desempregados de entre 16 e 19 anos alcanzaron os 5.200, un 1,8% do total e un 22,39% menos que os que había un exercicio atrás. Os de 20 a 24 anos, 31.400, supuxeron un 11,1% do total  e un descenso interanual do 1,3%. Pola súa banda, en Galicia en 2013 rexistráronse 84.300 parados de 25 a 34 anos, un 29,8% do total, o que implica que este colectivo reduciu un 4,85% o número de persoas sen emprego.

A taxa de paro actual é case 15 puntos superior á de 2007; do 7,6% ao 22%

A taxa de paro galega sitúase así no 22,07% en 2013, 1,41 puntos máis que a de 2012 (20,66%) e varios puntos máis que a de 2011 (17,41%), 2010 (15,4%), 2009 (12,59%), 2008 (8,73%) e 2007 (7,64%). Desde este último ano que inclúe a estatística, a taxa incrementouse en case 15 puntos (14,43).

Para o colectivo de menos de 25 anos, a taxa de paro subiu case cinco puntos respecto de 2012, até o 50,17%. Pola súa banda, o de 25 e máis anos repuntó 1,4 puntos e alcanzou o 20,38%. Por sexos, a taxa de paro foi maior entre homes (22,19%) que entre mulleres (21,95%).

No que se refire a paro de longa duración, ascendeu un 19,38% nun ano, ao pasar de 135.700 persoas a 162.000 en 2013 (62.400 que levaban dun a menos de dous anos e 99.600 que acumulaban máis de dous anos).

En valores absolutos, o número de persoas activas en Galicia reduciuse un 2,29%, até 1.280.200. Con iso, a taxa pasou de 55,39% a 54,57%. Adeais, os ocupados en Galicia descenderon un 4,02%, ao contabilizarse 997.600. En canto á taxa de emprego, baixou de 43,95% a 42,52%. A media do catro trimestres da EPA de 2013 reflicte tamén unha caída dos asalariados galegos, cun total de 1.280.200 (-2,29%).

Mobilización da CIG ante unha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.