O optimismo económico, cuestión de cartos

Porcentaxe de fogares con dificultades para chegar a final de mes Dominio Público Praza Pública

Dende hai un tempo as estatísticas económicas, aínda que seguen lonxe de seren positivas, están a mellorar con respecto ás rexistradas nos meses e anos anteriores. Porén, as grandes cifras teñen lecturas máis complexas se se analizan polo miúdo. As máis das veces non se trata de ver o vaso medio cheo ou medio baleiro, senón de que a crise afectou e afecta a cada persoa e clase social de forma distinta. Este luns o Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou os datos correspondentes ao primeiro trimestre de 2015 da Enquisa Coxuntural aos Fogares, que inclúe preguntas sobre as dificultades dos galegos e galegas para chegar a fin de mes e que ofrece información sobre o Índice de Confianza do Consumidor.

Nos fogares que ingresan máis de 2.000 euros mensuais o indicador de confianza é xa positivo (entre 6 e 20 puntos), algo que non sucedía dende antes do comezo da crise económica

Este Índice mellora notablemente, aínda que segue ofrecendo valores negativos, situándose en -9.94 puntos, fronte aos -17 do último trimestre de 2014 ou aos -25.29 de hai doce meses. Esta mellora aséntase nunha máis positiva percepción da situación xeral da economía e da evolución do desemprego, pero non na percepción dunha melloría da situación persoal do entrevista ou da súa capacidade de para aforrar no futuro. Ademais, se analizamos os datos en función do nivel de ingresos dos entrevistados, vemos como os valores son moi distintos. Así, os fogares que ingresan menos de 1.500 euros ao mes amosan resultados aínda moi negativos (entre -16 e -25 puntos), mentres que pola contra nos fogares que ingresan máis de 2.000 euros mensuais o indicador de confianza é xa positivo (entre 6 e 20 puntos), algo que non sucedía dende antes do comezo da crise económica.

Un 58,37% dos e das galegas afirma que chega a final de mes con dificultades ou con moitas dificultades

Polo tanto, pódese dicir que unha parte do país si está saíndo da crise, e ten ademais confianza no futuro (o que pode estimular o seu consumo), mentres que outra gran parte da sociedade (maioritaria, se cadra) non advirte aínda estas melloras. De feito, un 58,37% dos e das galegas afirma que chega a final de mes con dificultades ou con moitas dificultades. A cifra é apenas unhas décimas inferior á do trimestre anterior (59%) e un par de puntos menor que a de hai doce meses (60,25%). De feito, a porcentaxe de persoas que di chegar "con moitas dificultades" (o 13,2%) mesmo crece dende o trimestre anterior (8,59%) e é semellante á de hai un ano (13,17%).

Neste caso, igualmente, aqueles fogares con ingresos reducidos recoñecen serias dificultades para rematar o mes. É a situación de oito de cada dez familias que gañan menos de mil euros (79,83%) e de sete de cada dez das que ingresan entre 1.000 e 1.500 (68,55%). Estes dous grupos non perciben en absoluto a recuperación económica, e neles a proporción de fogares con problemas practicamente non variou ao longo da crise, mesmo se incrementou. A situación dá a volta no caso das familias con ingresos mensuais superiores a 1.500 euros; neste caso, as que recoñecen "dificultades" roldan o 45%. Nas familias que gañan máis de 2.000 euros mensuais, tan só o 28% di pasar por problemas deste tipo.

As familias que puideron facer algún gasto máis dedicaron este esforzo económico a "saír a cear, a cafetarías, ao cine ou ao teatro" ou a "facer algún extra en produtos de alimentación"

Algúns indicadores ofrecen algunha luz que convida ao optimismo, pero estes sinais son aínda moi febles. Así, cando se lles pregunta aos e ás entrevistadas se se permitiron "algún extra" nos últimos tres meses, a porcentaxe de fogares que afirma que non puido facer ningún gasto extraordinario é de 22,96%, inferior á dos trimestres anteriores pero moi semellante: o pasado ano esta cifra era do 27,9% e hai dous do 28,37%.

En canto ás familias que si puideron facer algún gasto máis, dedicaron este esforzo económico -sobre todo- a "saír a cear, a cafetarías, ao cine ou ao teatro" (un 61,88%) ou a "facer algún extra en produtos de alimentación" (un 47,7%), pero foron menos as que pagaron unhas vacacións ou unha viaxe (un 8,76%, unha cifra que leva anos sen crecer), as que realizaron "grandes compras" (un 23,33%) ou as que puideron aforrar (un 38,08%). Os datos son semellantes cando se lles pregunta aos cidadáns polas súas perspectivas de gasto para os vindeiros tres meses. De novo, as previsións de desembolso económico se dirixen a pagamentos máis cotiáns, coma alimentación ou restauración, e menos a grandes pagamentos.

Porcentaxe de fogares con dificultades para chegar a final de mes Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.