O Parlamento dá vía libre ao aumento de horarios comerciais co único apoio do PP

Feijóo, xunto a Rueda no pleno © Ana Varela

O PP sacou adiante -pola vía de urxencia, en solitario, co procedemento de lectura única e sen consenso- a aprobación do proxecto de lei de reforma dos horarios comerciais no pleno celebrado este martes en Compostela. A proposta do Goberno inclúe a liberdade de apertura para os comercios, o aumento da posiblidade de apertura en festivos -que pasa de oito a dez- e o incremento da xornada laboral semanal das 72 ás 90 horas. Preténdese así adecuar a lexislación galega ao novo decreto neste ámbito do Executivo central, que teima na liberalización do comercio e que, tal e como recoñeceu o grupo popular na Cámara, segue as recomendacións marcadas por organismos como o FMI, a OMC ou a OCDE.

O conselleiro de Economía cre que é unha lei "necesaria e de consenso", malia contar co único apoio do PP e non ser solicitada polo sector

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, asegura que é unha lei "necesaria, de equilibrios e de consenso", xa que agarda contar coo apoio do sector do comercio, con 120.000 traballadores, malia que esta reforma non foi solicitada.

Toda a oposición pediu a devolución do texto e rexeitou a "submisión do Goberno galego" ao decreto do Executivo central cunha lei que, na súa opinión, ataca os intereses dos traballadores do comercio galego e criticou que o PP "rachase o consenso". Así, o portavoz de comercio de consumo do PSdeG, Manel Gallego, acusou a Xunta de liberalizar os horarios comerciais “pasando o rodillo” sobre o acordo parlamentario tras acusar o debate na Cámara dun pleno “de lectura única”.

A oposición critica a "submisión da Xunta ao Estado" e a "ruptura do consenso"

Gallego criticou que "este debate express" evitase a presentación de emendas para aplicar unha “política trabucada e errática” para crear unha nova norma que "só beneficia as grandes superficies comerciais en detrimento do pequeno e mediano comercio galego” e "en contra dos dereitos dos traballadores". "É unha lei esperpéntica e surrealista”, dixo, tras criticar que o PP "liquidase o consenso de todo o sector comercial e dos partidos políticos" consolidado na Lei do Comercio aprobada en 2006 por un goberno socialista en Galicia. "Cada día pechan mais comercios e van máis traballadores ao paro”, insistiu.

Ao tempo, a deputada do BNG Montse Prado defendeu  unha emenda de totalidade de devolución ao proxecto de lei de modificación dos horarios comercias e criticou a decisión do PP de "tramitala pola vía de urxencia sen previo debate e consenso". Así, afirmou que a norma “creará máis dificultades ao comercio galego” porque, “non creará máis emprego nin actividade económica” e as mulleres, dixo, serán as máis prexudicadas ao traballaren “máis horas, con menos salario e sen posibilidade de conciliación familiar”.

    O BNG pide presentar un recurso contra o Decreto, porque "vulnera as competencias exclusivas de Galicia"

A deputada explicou que a lei estatal contempla que, deben ser as comunidades autónomas as que modifiquen os horarios comercias,  polo que se estaría ante “unha vulneración de competencias” exclusivas galegas recollidas no Estatuto, “un espolio competencial” que debería obrigar o Goberno galego a presentar un recurso de inconstitucionalidade contra un decreto que lesiona gravemente o pequeno comercio galego.

Prado cre que o sector precisa de medidas urxentes que incidan na activación de crédito e nunha nova fiscalidade "destinada a robustecer o comercio fronte unha liberalización dos horarios comerciais” que só favorece os “ oligopolios” das grandes superficies comerciais e intereses financeiros alleos. Ademais, Prado censurou que se "rache co consenso" para poñerse "ao servizo do gran capital".

"Queren reformar unha lei que ninguén pediu modificar", denuncia AGE

Durante a súa intervención no pleno, Antón Sánchez, parlamentario de AGE, acusou o debate de "rozar o patetismo". "Queren reformar unha lei que ninguén pediu modificar", censurou, tras denunciar que se fai "pola vía rápida" malia a que no seu programa electoral o PP non contemplaba esta modificación. Ademais, acusou a Xunta de dobregarse "á lei do máis forte, que son as grades áreas", prexudicando a un pequeno comercio "ao que se di querer axudar".

Interior dun establecemento comercial CC-BY-SA CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.