O Parlamento europeo debate este luns a liberalización de servizos que propón o TISA

Votación en Estrasburgo CC-BY-NC-ND Parlamento europeo

TTIP, CETA, TiSA... Son varios os tratados en negociación (o CETA, entre a UE e Canadá, foi xa asinado e está á espera da súa aprobación) que buscan liberalizar determinados sectores da economía en Europa, limitando a capacidade das institucións democráticas de establecer neles regulacións e controis. Os movementos sociais opostos ao TTIP foron aos poucos rachando o silencio e a falta de información que a cidadanía tiña sobre este acordo que segue debatendo a Comisión europea co goberno dos Estados Unidos. Menos coñecido é o TiSA (Trade in Services Agreement), pero -de aprobarse- podería ter tamén efectos moi importantes. 

O Parlamento Europeo, ademais de votar a súa aprobación final, pode emitir a súa opinión sobre o actual desenvolvemento das negociacións, que ao igual que as do TTIP, se veñen caracterizando pola súa total opacidade

O Acordo de Comercio de Servizo está a ser negociado pola UE, os EE.UU. e outros 22 países, entre os que están Canadá, Australia, Turquía, Xapón, Corea do Sur, Israel, México, Chile ou Colombia. Promove a liberalización a escala global do comercio de servizos coma o transporte ou a banca, eliminando por exemplo as restricións públicas a determinados produtos financeiros e prácticas bolsistas. O pasado mes de xuño unha filtración de Wikileaks, publicada a través dun grupo de medios de comunicación de varios países, permitiu coñecer os obxectivos das negociacións.

Este luns, a Comisión de Comercio Internacional do Parlamento Europeo, composta por 41 deputados e deputadas, debe pronunciarse sobre o TISA. O Parlamento Europeo, ademais de votar a súa aprobación final, pode emitir a súa opinión sobre o actual desenvolvemento das negociacións, que ao igual que as do TTIP, se veñen caracterizando pola súa total opacidade. Varios colectivos de todo o continente, coma o galego Ecoar, puxeron en marcha unha campaña que promove o envío de cartas aos membros da Comisión. Pídenlles que emitan unha resolución que lle esixa á Comisión europea que non negocie un tratado que afecte ao dereito dos Estados a regular os seus servizos públicos e a protexer o interese xeral da súa cidadanía, nin que supoña unha ameaza para a saúde, os dereitos laborais, medioambientais ou culturais.

Os colectivos contrarios ao TISA lembran o efecto que o acordo podería ter sobre os servizos públicos e o perigo da extensión a todos os países dos estándares laborais máis baixos existentes entre os asinantes

As cartas lembran "a prevalencia dos dereitos fundamentais sobre o libre comercio" e destacan a importancia de reformar o sector financeiro, incluíndo a posibilidade de prohibir produtos financeiros arriscados e especulativos, que en boa medida provocaron o inicio da última crise económica. Os colectivos contrarios ao TISA lembran o efecto que o acordo podería ter sobre os servizos públicos e o perigo da extensión a todos os países dos estándares laborais máis baixos existentes entre os asinantes. Así mesmo, piden "transparencia" nas negociacións do TiSA e que se ofreza acceso público a todos os textos en debate.

Entre as deputadas que intervirán está Lola Sánchez, de Podemos, que presentará un conxunto de emendas moi críticas co proxecto. Na Comisión tamén figuran Santiago Fisas (PP), Gabriel Mato (PP), Pablo Zalba (PP), Inmaculada Rodríguez Piñeiro (PSOE), Sergio Gutiérrez (PSOE) e Ramón Tremosa (CDC).

Votación en Estrasburgo CC-BY-NC-ND Parlamento europeo
Imaxe dunha sesión na cámara CC-BY-NC-ND Parlamento europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.