O paro aumenta en Galicia malia que baixa un pouco en España

Oficina de emprego Dominio Público Praza Pública

O paro segue subindo en Galicia e comportándose peor que no conxunto do Estado. O número de desempregados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego alcanzou no país as 277.644 persoas, o que supón unha suba do 0,31% respecto ao mes anterior, ao sumarse 849 desempregados ás listas, mentres que en toda España o número de parados descendeu en 6.632 persoas, cunha baixada porcentual do 0,14% respecto de marzo, xuntando 4,74 millóns de demandantes de emprego tras o efecto da Semana Santa. 

O descenso do paro en España é dez veces inferior á caída de hai un ano

Os datos non son bos. Nin para Galicia nin para España, xa que no Estado o descenso, o primeiro logo de oito meses de suba, tan só supón unha décima parte da caída rexistrada hai un ano polo mesmo efecto da Semana Santa, cando houbo unha baixada de 64.309 desempregados. Tan só en dúas ocasións subiu o paro neste mes de abril, concretamente en 2008 e 2009, cando a crise comezaba a manifestarse con crueza.

En termos interanuais, o paro increméntase nun 11,1% no conxunto do Estado, mentres que en Galicia o aumento e máis de dous puntos superior, do 13,48%, tras darse de alta nas oficinas de emprego 32.982 parados máis desde o mes de abril do ano pasado. As listas do paro incrementáronse no país ao igual que noutras seis comunidades autónomas (A Rioxa, Canarias, Castela-A Mancha, Castela e León, Comunidade Valenciana e Madrid), mentres que descenderon en dez territorios. 

Menos contratos fixos malia a reforma laboral

En canto á contratación, no conxunto de Estado, en abril rexistráronse no antigo Inem un total de 1.003.167 contratos, un 6% menos que en abril de 2011. Deles, 90.123 eran indefinidos, cifra equivalente ao 8,98% do total e un 6,3% inferior á do mesmo mes de 2011.

En abril fixéronse 8.116 contratos de carácter formativo e houbo outros 904.928 contratos de carácter temporal, dos que o 26,5% foron de obra e servizo e o 26,6%, eventuais por circunstancias da produción.

No primeiro cuadrimestre do ano, o número de contratos realizados sumou 4.027.856, un 7,4% menos que en igual período de 2011. Desta cantidade, só o 8,4% foron indefinidos, cun total de 339.001 contratos fixos no catro primeiros meses do exercicio, un 16,1% menos que entre xaneiro e abril do ano pasado, malia a aplicación da reforma laboral, que leva máis de dous meses en vigor.

A secretaria de Estado de Emprego, Engracia Hidalgo, subliñou que os datos do paro de abril seguen recollendo "o impacto negativo da marcha da economía no mercado de traballo". Hidalgo lembra que as previsións do Goberno apuntan a un aumento do paro en 2012 por efecto da segunda recesión que vive a economía, cunha "lenta recuperación" nos próximos anos. Neste contexto, defendeu a reforma laboral aprobada polo Executivo porque supón un marco "de confianza e flexibilidade para as empresas". 

 

Evolución do desemprego en Galicia nos últimos tres anos © IGE
Oficina de emprego Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.