O paro baixa case un 4% en Galicia no verán pero a ocupación non se recupera

En defensa do emprego CC-BY Susete

Galicia ten 11.100 parados menos que o trimestre pasado, pero 13.100 máis que hai un ano. En total, 277.100. É a conclusión que se tira dos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) feita pública este xoves polo INE, e que confirman un descenso do desemprego do -3,85 % nos últimos tres meses, pero un aumento do 4,95% no último exercicio, o que deixa a taxa ata o peche de setembro no 21,6 %. A baixada do paro no verán é maior á da media estatal, pero o incremento interanual tamén é superior ao que se deu no conxunto do Estado.

A poboación activa segue caendo: o paro baixa en 11.100 persoas, pero a ocupación só aumenta en 7.700

No entanto, unha vez máis, a baixada intertrimestral de parados non se corresponde cunha suba equivalente na ocupación, o que volve demostrar un aumento no número de persoas que emigran na busca dun futuro ou que renuncian a buscar traballo. De feito, a ocupación tan só se incrementou un 0,77%, polo que en Galicia hai 1.006.200 persoas con emprego, 7.700 máis que na anterior EPA, pero 41.500 menos que hai un ano. O número de cidadáns que buscan emprego caeu, ben sexa pola emigración, porque se xubilan ou porque abandonan o mercado laboral desanimados.

En definitiva, 11.100 parados menos no verán, pero só 7.700 ocupados máis, unha diferenza de 3.400 persoas que, ben seguro, pasan a formar parte da xa ampla lista da diáspora ou do desleixo. O mesmo ocorre se comparamos os datos dun ano a outro, xa que mentres o desemprego aumentou en máis de 13.000 persoas no último ano, a ocupación baixou en 41.500, unha diferenza de 28.4000 cidadáns. A taxa de actividade sitúase no 54,66%, a máis baixa de todas as comunidades autónomas.

O descenso do paro cínguese ao verán e a contratos temporais e xa hai 89.200 familias galegas con todos os membros en paro

O descenso do paro é estacional e cinguido ao verán. Así se comproba de ter en conta que todos os contratos subscritos durante eses tres meses foron de carácter temporal, mentres que a contratación indefinida caeu un 0,5%, con 4.500 contratos menos deste tipo. Ademais, o incremento da poboación ocupada centrouse nos servizos, con 8.900 persoas (+1,3%), mentres que na industria medrou en 1.900 (+1,3%). Ademais, cada vez hai máis familias galegas con todos os seus membros activos no paro. Segundo os datos da EPA son xa 89.200 no país.

No conxunto do Estado, o paro baixou en 72.800 persoas no último trimestre, un 1,2% menos situándose no número total de desempregados en 5.904.700 persoas. Xa que logo, a taxa de paro caeu ata o 25,98%, porcentaxe case tres décimas inferior ao do segundo trimestre (26,26%). É o descenso máis importante nun terceiro trimestre desde 2005 e sitúase en niveis parecidos á baixada do mesmo período de 2010, cando o numero de desempregados baixara en 70.800 persoas.

Nos dous últimos anos, España perdeu máis de 400.000 persoas activas

No entanto, no último ano o paro incrementouse nun 2,2%, o que supón 126.700 desempregados máis, ao tempo que se perderon 497.100 ocupados, un 2,9%. Porque o paro baixa en case 73.000 persoas, pero o número de empregos creados está pro debaixo desa cifra: o trimestre pasado as persoas ocupadas creceron en 39.500, polo que o resto da redución, 33.300 persoas, corresponde á caída da poboación activa.

Desde o segundo trimestre de 2011, a economía española non fixo máis que perder poboación activa: nos primeiros tres anos da crise o número de persoas que se incorporaba á busca de emprego medrou en varios centos de miles de persoas, pero segundo avanzaba a recesión a tendencia virou. Nos dous últimos anos, España perdeu máis de 400.000 persoas activas.

 

Emprego precario e temporal en todo o Estado

O emprego que se crea en España é escaso e precario. No teceiro trimestre baiaron en 146.300 as persoas con contrato indefinido, mentres que os contratos temporais aumentaron en case 170.000. A evolución é negativa en ambos os dous casos se o comparamos co trimestre de hai un ano, aínda que moito peor para os indefinidos: nun ano o emprego estable perdeu 406.000 traballadores, pero o precario só 70.000.

Ademais, só o sector servizos creou traballo, o que demostra que a recuperación non é máis que puntual e debido ao verán, o turismo e os contratos temporais. A agricultura, a industria e a construción destruíron emprego no Estado.

No último ano, os números falan dun mercado laboral cada vez máis precario en España, onde hai 487.500 contratos indefinidos a tempo complento menos. Os temporais, no entanto, crecen: hai 163.000 contratos eventuais máis, 81.00 a tempo parcial e 121.300 a tempo completo.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Mobilización da CIG ante unha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.