O paro baixa un chisco en Galicia pero, de novo, menos que no Estado. O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego alcanzou ao rematar o mes de maio as 276.608 persoas no país, o que supón un descenso, en termos absolutos, de 1.036 desempregados respecto de abril, un 0,37% menos, de acordo cos datos publicados este luns polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
Unha vez máis, os datos son peores que os do conxunto do Estado, xa que a baixada do paro en Galicia é inferior á rexistrada en España, onde, con 4,71 millóns de persoas desempregadas, o descenso foi do 0,63%, o que se traduce en 30.113 desempregados menos que en abril. Tamén son moito peores se os comparamos cos do ano pasado, cando o desemprego baixara en Galicia en 4.648 persoas e no Estado en 79.701 en referencia ao mes anterior.
O paro descendeu en pouco máis de mil persoas en Galicia, fronte ás case cinco mil no mes de maio do ano pasado
Ademais, en Galicia o paro incrementouse en 36.594 persoas, na comparación interanual, o que supón un aumento do 15,25% respecto de maio do ano pasado. Por buscar un dato positivo, son dous meses consecutivos de redución do paro no Estado, tras descender en abril en algo máis de 6.600 persoas. Pero o certo é que maio é un mes onde adoita a reducirse o desemprego, algo que sucedeu en todos os exercicios desde 1997 agás en 2008. Así, o paro descende agora en 15 das 17 comunidades autónomas no mes de maio, especialmente en Illes Balears (-7.293), Andalucía (-5.859) e Catalunya (-4.789). De entre todos os territorios onde cae o desemprego, Galicia é o segundo onde o fai de xeito máis moderado.
O desemprego baixa máis entre as mulleres (un 0,41% menos que en abril) que entre os homes (un 0,34%); pero en termos absolutos as donas seguen sendo máis (142.183) que eles (134.425). En canto aos menores de 25 anos, hai un total de 22.441 persoas en situación de desemprego, un 2,39% menos que hai un mes, dato que non diminúe en case nada o drama do paro xuvenil. O maior descenso rexistrouse en Galicia no colectivo sen emprego anterior, posto que o paro reduciuse en 804 persoas, un 2,75% respecto de abril. O total é de 28.370 desempregados.
O desemprego en Galicia aumentou en máis dun 15% en termos interanuais; o descenso en maio é o segundo máis moderado do Estado
Desemprego por sectores
En canto a sectores, tamén baixou o desemprego na construción (un 0,66%, até as 47.219 persoas en paro) e na industria (un 1,43%, até as 41.807 parados). Pola contra, aumentou nos servizos (un 0,41%, até as 151.683 persoas); e na agricultura (un 0,98%, até as 7.529 persoas).
Por territorios, a provincia da Coruña foi a única na que aumentou o paro en maio, ao sumar 70 persoas máis, un 0,06%. O total sitúase en 109.414, de modo que a coruñesa é a provincia cun número absoluto de parados máis grande, logo dun incremento interanual do 15,34%. O maior descenso, pola contra, foi o de Ourense, que con 558 parados menos (un descenso do 1,78%) sitúase en 30.716 desempregados. Respecto de maio de 2011 o aumento é do 15,7%. En Lugo a caída é das 211 persoas (un 0,76% menos) en maio. Na comparación interanual o aumento é do 21,08% e o total alcanza os 27.591 desempregados.
A Coruña é a única provincia galega onde sobe o desemprego, que aumentou en servizos e na agricultura no conxunto do país
En Pontevedra o paro reduciuse en 337 persoas (un 0,31% menos respecto de abril), até un total de 108.887 parados. En relación con hai un ano, o paro creceu un 13,64%, ao sumar 13.072 persoas.
Respecto do paro entre os estranxeiros, en maio estaban anotados nas listas dos servizos de emprego 14.731, o que supón un descenso do 1,3% respecto de abril, ao reducirse en 194 persoas. Na comparación interanual, con todo, aumentou un 9,19%.
En maio asináronse un total de 52.043 contratos en Galicia, o que supón un aumento do 11,8% respecto de abril, pero unha caída do 8,79%en relación a maio do ano pasado. O 91,9% dos contratos foron de carácter temporal, un total de 47.826.
O desemprego en Galicia aumentou en máis dun 15% en termos interanuais; o descenso en maio é o segundo máis moderado do Estado
O Goberno recoñece que non se creará emprego neto en 2012
A propia secretaria de Estado de Emprego, Engracia Hidalgo, recoñeceu que a redución do paro rexistrado prodúcese nunha fase contractiva da economía, que se está a prolongar. "Atopámonos nunha segunda fase recesiva que, aínda que non é tan brusca nin tan profunda como a anterior, afecta de maneira negativa ao emprego", dixo, tras confiar en que a reforma laboral poña as bases para frenar a caída da ocupación. "Trátase de aproveitar a reactivación económica para crear traballo, incluso desde taxas de crecemento reducidas", aclarou.
Ademais, Hidalgo asumiu que a reforma laboral "non xerará emprego por si mesma" e que "aínda durante 2012 non será posible unha creación neta de emprego". No entanto, destacou as bondades do contrato indefinido para emprendedores, que contempla un periodo de proba dun ano. Desde febreiro, asináronse máis de 30.000 contratos dese tipo.