O paro desbócase en Galicia e supera xa a taxa do 21%

As oficinas de emprego están cheas de mozos e mozas na procura de traballo Dominio Público Praza Pública

Desbócase o desemprego, que alcanza marcas históricas negativas. Así, o paro subiu no Estado en 53.500 persoas no segundo trimestre do ano respecto ao trimestre anterior, un 0,95% máis, situándose o número total de desempregados en 5.693.100 persoas, cifra inédita até o de agora para a economía española. En Galicia, o incremento tamén é brutal, aumentando o número de parados en 10.300 persoas, un 3,9% máis que o primeiro trimestre, alcanzando os 275.900 parados, cunha taxa do 21,1%.

Así, na comunidade autónoma, o incremento da taxa de paro interanual foi dun 25,64% máis, habendo neste último trimestre 56.300 parados máis que no mesmo período do pasado exercicio. Case dous de cada dez novos parados no Estado neste segundo trimestre son galegos, estatísticas que son só un indicador do comportamento negativo dos datos no país durante os últimos meses en comparación co Estado. Así, a taxa global de desemprego está cada vez máis preto da media estatal, mentres o incremento no último trimestre superou en tres puntos o aumento en España.

Por provincias, Pontevedra é a que alcanza unha taxa máis alta de desemprego, co 25,6% e con case 117.000 parados. Séguenlle Ourense, co 20,4% (27.600); A Coruña, co 18,6% (104.800) e Lugo, co 17,1% (26.600 parados).

A taxa de actividade sitúase no 55,36% e a de paro no 21,07% no segundo trimestre en Galicia para ambos os dous sexos. No que se refire aos homes, con 546.000 ocupados e 152.100 parados, a taxa de actividade sobe ao 61,83% e a de paro tamén repunta ao 21,78%. Pola súa banda, as mulleres ocupadas son 487.700 e as paradas 123.800, polo que a taxa de actividade baixa ao 49,45% e a de paro tamén, ao 20,25%.

O paro incrementouse en Galicia un 25,7% no último ano, con 56.300 parados máis

A taxa de paro estatal situouse así a finais de xuño no 24,63%, case dúas décimas superior ao do trimestre anterior (24,44%), tal e como reflicten os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que vén de facer pública o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Os datos son os máis negativos e semellantes ás de 1994, cando a taxa de paro chegou ao 24,55%, o que era o valor máis alto desde a chegada da democracia. Ademais, a taxa é tamén a máis elevada da serie histórica comparable, que comezou en 2001. Así, no segundo trimestre destruíronse 15.900 postos de traballo, polo que o número de ocupados alcanzou os case 17,5 millóns de persoas, a cifra máis baixa desde o terceiro trimestre de 2003.

A grave recesión na que se atopa España levou o emprego a un comportamento bastante peor que ao do mesmo período de 2011. Entre abril e xuño do ano pasado creáronse 151.400 empregos (agora destruíronse 15.900) e o número de parados baixou en 76.500 (agora aumentou en 53.500). Ademais, xa hai 1.737.600 fogares con todos os seus membros den traballo, mentres que o paro xuvenil segue subindo e xa alcanza unha taxa do 53,3%.

Euskadi segue tendo a taxa de paro máis baixa do Estado, con menos do 15%

Por comunidades autónomas, Andalucía é na que máis baixa o emprego (23.300 persoas menos), seguida de Castela-A Mancha (19.500 menos), Catalunya (19.100 menos), Galicia (16.800 menos) e Canarias (12.400 menos). Pola outra banda, os territorios onde máis aumenta a ocupación é Baleares (60.400 persoas), Madrid (7.500), Murcia (6.800), Castela e León (5.600) e Comunitat Valenciana (4.900). As taxas, no conxunto do Estado, oscilan entre o 14,56% de Euskadi e o 33,92% de Andalucía, mentres que a de actividade vai do 67,5% de Illes Balears e o 52,5% de Asturias.

O descenso da ocupación afectou exclusivamente aos homes, con 30.600 empregos menos, xa que entre abril e xuño creáronse 14.600 postos de traballo ocupados por mulleres. Tamén o paro impactou por completo sobre os homes, con 70.000 desempregados máis, fronte a un descenso das mulleres en paro de 16.400 persoas.

En comparación co mesmo período do ano pasado, o paro incrementouse no segundo trimestre en 859.400 desempregados, un 17,8%, mentres que os empregos destruídos alcanzan os 885.800 (-4,8%).

HABERÁ AMPLIACIÓN

Oficina de emprego CC-BY-NC-SA UGT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.