O paro descende un chisco en Galicia no mes de agosto

As oficinas de emprego están cheas de mozos e mozas na procura de traballo Dominio Público Praza Pública

O  número de desempregados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego aumentou no Estado en 38.179 persoas,  mentres en Galicia descendeu en 2.931 persoas. Así, e segundo os datos facilitados polo antigo Inem, a cifra de parados situouse no conxunto de España en 4.625.634 persoas a finais de agosto, o que supón un aumento do 0,83%, unha suba que acaba coa xeira de oito descensos consecutivos nos últimos meses. 

Deste xeito, nun ano, desde agosto de 2011, o desemprego incrementouse en case medio millón de persoas no Estado (494.707), o que supón un incremento de case o 12%.

Galicia é a autonomía onde máis baixa o paro en agosto, pero o seu incremento interanual é superior á media estatal

Por comunidades autónomas, Galicia é o territorio onde máis baixou o desemprego, sendo unha das cinco onde tamén descendeu xunto a Andalucía, Illes Balears, Navarra e A Rioxa. No país, o número de parados descendeu en 2.931 persoas, o que supón unha baixada do -1,13% e sitúa o número total de desempregados en 257.267, cun incremento interanual do 14,55%, case tres puntos superior á media estatal, e 32.685 parados máis desde agosto do ano pasado.

Destaca a alta temporalidade do emprego, xa que dos 63.955 contratos subscritos en agosto só un 5,5% foron indefinidos no país, cifras polas que os sindicatos censuran os datos. Por exemplo, a CIG destaca que 107.471 persoas que se atopan no desemprego en Galicia xa non perceben ningún tipo de prestación

Por provincias, o paro cae en 13, entre as que destacan Pontevedra (-973), Tenerife (-890) e A Coruña (-710).

Aínda así, a subida de agosto, mes no que adoita aumentar o desemprego polo fin da campaña de verán, é menos pronunciada no Estado que a rexistrada hai un ano, cando o paro aumentou en 51.185 persoas, mentres que en 2009, nun contexto de recesión económica semellante ao actual, rexistrouse un incremento de 84.985 desempregados. 

O incremento do paro no mes de agosto é o menor rexistrado desde o ano 2006, cando aumentou en 28.693 persoas, e sitúase por baixo da media do últimos dez anos.

   Desde agosto de 2011, o desemprego incrementouse en 494.707 persoas, un 11,98%.

A secretaria de Estado de Emprego, Engracia Hidalgo, sinalou que, aínda que é certo que o crecemento do paro é unha mala noticia, debe porse en valor que se trata do menor incremento rexistrado en agosto, tradicionalmente un mes negativo para o emprego, desde o ano 2006, pese ao actual contexto actual de recesión económica.

Igualmente, afirmou que os datos dos últimos meses pon de manifesto que se freou o ritmo de crecemento do paro rexistrado. "O Goberno mantén o seu compromiso de impulsar todas as reformas necesarias para favorecer o emprego", subliñou.

Afiliados á Seguridade Social

Ademais, a Seguridade Social rexistrou en Galicia en agosto un aumento medio de 3.277 afiliados respecto de xullo, o que supón alcanzar os 959.653 cotizantes na comunidade e un aumento intermensual do 0,34%, segundo informou este martes o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Por outra banda, a Seguridade Social rexistrou en agosto un descenso medio de 136.762 afiliados respecto de xullo no Estado, co que se sitúa nun total de 16.895.977 ocupados e rompe a tendencia á alza dos últimos cinco meses.

Este dato racha coa tendencia do últimos cinco meses, nos que se rexistraron ganancias de afiliados, segundo as estatísticas feitas públicas hoxe polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Xullo representou a quinta subida consecutiva tras as lograda en marzo, abril e maio, cando se rexistraron 5.419, 16.549 e 77.431 altas ao sistema, respectivamente, e despues da de xuño, mes no que sumou 31.332 afiliados e superou os 17 millóns por primeira vez no ano.

En termos interanuais, a Seguridade Social reduciu en agosto o seu número de cotizantes en 604.541 persoas (-3,45%), aproximadamente a metade da caída de agosto de 2009, con 1.136.246 traballadores (-5,94%).

As oficinas de emprego están cheas de mozos e mozas na procura de traballo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.