O paro subiu dez puntos e 115.000 persoas desde que Feijóo chegou á Xunta

Mobilización da CIG ante unha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Máis paro, máis pobreza, máis emigración e moito menos futuro. A crise bateu duro na Galicia da era Feijóo, malia que o presidente segue a presumir de plus de resistencia e diferenciais positivos dos que case non queda nada. Desde a volta ao poder da dereita do PP en marzo de 2009, os datos do mercado laboral galego non fixeron máis que empeorar, tamén en comparación cos do Estado.

"Os españois asinarían ter a taxa de paro que hai hoxe en Galicia a finais de 2015", dixo o xefe do Executivo galego logo de coñecerse os últimos datos da EPA que revelan que o país destruíu case 40.000 empregos no pasado ano, que é das poucas comunidades onde segue a subir o paro,  que é a que ten a a segunda peor taxa de actividade do Estado ou que segue a sufrir unha masiva emigración da súa mocidade. Pero a Xunta segue a presumir de cumprir coas súas previsións malia considerar "inadmisible" o desemprego.

A taxa de paro medrou en case dez puntos en Galicia desde a chegada de Feijóo ao poder (do 12,4% ao 22%)

"Chegou o momento de frear as listas do paro", dicía un dos lemas do PPdeG de cara ás eleccións autonómicas de 2009, onde Feijóo venceu con maioría absoluta. Un trimestre despois da súa chegada ao poder, a taxa de desemprego en Galicia era do 12,4%. Desde aquela e até agora -catro anos e tres meses despois- a taxa de paro creceu en case dez puntos, até o 22% actual, e o número de desempregados aumentou en 115.600 persoas, desde os 162.200 parados daquel terceiro trimestre de 2009 até os 277.800 que revelan os últimos datos da EPA debullados polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Malia que as cifras son mellores cá media estatal, ese diferencial positivo redúcese en cada un dos datos analizados. Na segunda parte de 2009, Galicia tiña unha taxa de desemprego case seis puntos melllor que a do conxunto de España (12,4% fronte ao 18,25%). Agora, esa diferenza é tan só de catro puntos (22% fronte ao 26%). Se nos fixamos nos parados de longa duración -os que levan doce ou máis meses na procura de emprego-, hai catro anos a taxa situábase no 3,3%, fronte ao 11,1% da actualidade.

A Galicia de Feijóo ten 115.000 parados máis e conta con 164.000 ocupados menos

Porque Galicia destruíu masivamente emprego durante as dúas lexislaturas -unha rematada e outra camiño do seu ecuador- nas que Feijóo leva exercendo de presidente. Se foron máis de 115.000 os parados que se engadiron ás listas o número de ocupados descendeu en 163.800 persoas, dos 1.151.100 do terceiro trimestre de 2009 aos 987.300 de agora. Menos dun millón de cidadáns que traballan e que sosteñen máis dun millón de  persoas entre os desempregados e os pensionistas. O número de activos, de feito, descendeu en case 50.000 persoas (48.200). Mil activos menos por cada mes. Un milleiro de persoas que abandonan o mercado laboral para buscar futuro na emigración ou por desesperación.

É a taxa de ocupación unha das que amosa con maior crueldade o drama da falta de emprego e futuro en Galicia, ao descender en case seis puntos nestes catro anos e pico. Do 48,3% ao 42,4% da última EPA, mentres que a taxa de actividade sitúase agora no 54,3%, sendo a segunda peor de todas as comunidades autónomas e cinco puntos inferior á do Estado.

Agora hai 50.000 fogares máis con todos os seus membros en paro que a metade de 2009

En canto aos fogares con todos os seus membros en paro, a cifra é tamén contundente. Desde que Feijóo chegou á presidencia da Xunta,  hai 50.000 vivendas máis nas que ninguén dos seus habitantes traballa. En total, 92.800, fronte aos 44.500 do terceiro trimestre de 2009, máis do dobre que daquela.

 

Elevado paro xuvenil

No entanto, non hai peores cifras que as que se tiran da análise da evolución do desemprego da mocidade nestes últimos anos. Desde a chegada de Feijóo a San Caetano, hai case 100.000 mozos ocupados menos (95.900), ao pasar dos 216.200 menores de 25 anos a metade de 2009 aos 120.300 da actualidade. A taxa de ocupación nesta franxa de idade é a que máis preocupa. No último trimestre de 2013 era de tan só o 16,6%, practicamente a metade que hai pouco máis de catro anos, cando se situaba no 32,4%.

A taxa de ocupación da mocidade baixou á metade; hai 100.000 mozos ocupados menos desde que Feijóo goberna

Ademais, a taxa de paro xuvenil aumentou en case 20 puntos, do 31,4% daquela ao 50,7% de hoxe en día, mentres que a taxa de actividade, pola súa banda, descendeu en case quince puntos, do 47,2% ao 33,7%. Un contexto laboral que expulsou  milleiros de mozos galegos á emigración. Segundo o INE, 13.000 persoas abandonaron Galicia no primeiro trimestre de 2013. Son as últimas estatísticas dun éxodo que, polo momento, non parou.

Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.