O "pau" do recorte ás renovables para o agro galego

Parque eólico en Galicia © EGA

O novo marco legal de retribucións para as enerxías renovables non convence a ninguén. Nin á patronal eólica, nin ao conxunto de empresas enerxéticas, nin á oposición, nin ao rural. O Goberno central parece decidido a darlles o tiro de graza, especialmente ao eólico, xa que a nova normativa deixará sen primas o 37% dos parques do Estado e a case o 60% dos galegos. Este novo proxecto únese a antigos golpes regulatorios, á inseguridade xurídica que causou a irregular do antigo concurso do bipartito en Galicia ou á parálise no país do sector, do que presume Feijóo tras autorizar 60 megavatios dos 2.300 cos que prevía crear 14.000 empregos. Mentres, pérdense postos de traballo e as compañías marchan. Agora as decisións do PP en Madrid ameazan tamén o agro.

Así o advertiron Unións Agrarias e Ventonoso, asociación de propietarios de terreos eólicos, que advirten dun "impacto" de ata 32 millóns ao ano para os donos de terras, entre os que teñen neles muíños e os de plantacións de eucaliptos que venden madeira para a coxeración.

Os propietarios eólicos perderán 12 millóns anuais e os de plantacións de eucaliptos, 20 ao ano

Os datos que manexan as dúas organizacións aseguran que o novo marco legal retributivo para as renovables suporía que os propietarios de terreos eólicos perdan ata 12 millóns de euros anuais. No sector forestal, este impacto sería "brutal" de confirmarse o previsto no anteproxecto do Executivo. Arredor de 20 millóns de euros menos ao respecto ao que viñan recibindo os propietarios de plantacións de eucaliptos, cuxa madeira ía destinada á coxeración. O prezo por tonelada baixaría de media entre 6 e 10 euros por tonelada.

Ademais, Jacobo Feijóo, secretario de desenvolvemento rural de UUA, e José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso, advirten tamén dos 10 millóns en rendas que perderán os propietarios de terreos onde xa non se van implantar os megavatios asignados. Ambas as dúas organizacións ven no anteproxecto do Goberno a vontade "de non querer meter o bisturí ás grandes eléctricas" pero si aos pequenos produtores. En total, 42 millóns de euros que pode perder nun só ano o rural galego, que parece unido agora para defender un sector, o das renovables, que tamén son o seu pan nestes tempos.

Ventonoso e Unións Agrarias advirten do "pau" para a coxeración forestal, o sector porcino e "a cadea de valor agroindustrial"

O golpe no agro sería duro. "Un pau", sobre todo polo que afectará á coxeración forestal, ao sector porcino e "á cadea de valor agroindustrial". Poríanse en perigo moitos postos de traballo vinculados a todos estes ámbitos. No forestal, tamén afectaría a empresas como Ence ou Finsa, así como outras de fóra do país que si compran en Galicia, e de aí derivaríanse os axustes de prezos da madeira.

A planta de Coren de coxeración tamén está en perigo, mentres que a súa paralización podería crear un probelma ambiental pola contaminación dos solos.

Ventonoso lembrou tamén que Galicia será a autonomía "máis prexudicada" do Estado ante o novo marco regulatorio pola antigüidade dos seus parques, o que provocará que 84 deles queden sen primas, mentres que só 66 as manterán. Así, aclara o colectivo que dos máis de 3.000 megavatios implantados, haberá 12 millóns menos para 40.000 propietarios; dos outros 3.000 pendentes, outros 12.000 quedarán sen a posibilidade de cobrar rendas pola instalación de enerxía eólica.

"As renovables vanse ao traste", advertiron sobre este real decreto, tras denunciar tamén "os atrancos gravísimos ao autoconsumo" e a situación do sector financeiro, xa que hai bancos "moi expostos" polos investimentos que realizaron nos últimos anos nas renovables.

Parque eólico en Galicia © EGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.