O persoal da Xunta só poderá ir cos fillos maiores de idade ao médico "se non poden asistir sós"

Edificio central de San Caetano CC-BY-SA Praza Pública

Algúns departamentos da Xunta viñan sendo unha caste de "reinos de taifas" á hora de concederen permisos, licenzas ou mesmo vacacións ao seu persoal. Esta era a opinión reinante en parte da Administración autonómica e, tamén, por boa parte da representación sindical da función pública. Teoricamente, o minifundio da libranza ten as horas contadas tras a entrada en vigor da instrución publicada este mércores pola Xunta no Diario Oficial de Galicia (DOG), no que se unifica a doutrina nesta materia cunha regulamentación que recolle parcialmente as achegas sindicais e que especifica cando o funcionariado ao servizo do Goberno galego poderá ou non "desfrutar" de permisos, xa sexan de vacacións anuais ou por circunstancias imprevistas, dende unha visita ao médico ata un falecemento.

Así, por exemplo, a Xunta sinala que "o persoal funcionario ten dereito a ausentarse do traballo para a realización de revisións médicas polo tempo indispensable", sempre e cando "a consulta se deba realizar durante a xornada laboral e sempre que se atope incluída na carteira de servizos do sistema sanitario público", un dos aspectos que os sindicatos observaban con certo receo, toda vez que esta carteira está a minguar nos últimos tempos a instancias do paquete de recortes do Goberno central. Do mesmo xeito, o mesmo persoal "ten dereito a ausentarse para acompañar ás revisións médicas ás fillas e fillos e ás persoas maiores ao seu cargo". No caso de fillos e fillas maiores de idade "deberase acreditar que existen limitacións que lles impidan asistir sós".

Se os dous proxenitores do menor enfermo traballan na Xunta só percibirá o soldo íntegro un deles

O limiar da maioría de idade tamén é o fixado para poñerlle couto á flexibilidade horaria nuns dos casos máis sensibles: o "coidado de filla ou fillo afectado por cancro ou outra enfermidade grave". Neste caso, "sempre que os dous proxenitores, adoptantes ou acolledores traballen", o persoal funcionario "terá dereito a unha redución da xornada de traballo polo menos á metade" sen que se lles reduza o salario. Este permiso estará vixente "durante a hospitalización e tratamento continuado" acreditado con informes médicos. A licenza estará vixente "como máximo, ata que o menor cumpra os 18 anos". Se os dous proxenitores traballan na Xunta só percibirá o soldo íntegro un deles se os dous piden redución de xornada. O outro terá a "conseguinte redución de retribucións".

Á marxe destas situacións particulares a instrución de Función Pública regula tamén aspectos que os sábados non serán considerados dias hábiles no que atinxe ás vacacións, que duran vinte e dous días e "deberán ser desfrutadas preferentemente" entre o 1 de xuño e o 30 de setembro. Os sábados si son "hábiles" no caso de "permisos por falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar". Xunto a estas limitacións a Xunta incluíu outros aspectos máis valorados pola representación do persoal, tales como o peche das oficinas públicas o 24 e o 31 de decembro "agás os servizos de Rexistro Xeral e Información" e, se estas xornadas cadran en "sábado, domingo ou día non laborable, teranse dereito a dous días adicionais de asuntos persoais".

Edificio central de San Caetano CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.