O persoal das auxiliares de Navantia vota a favor de suspender o paro

Asemblea dos traballadores das auxiliares de Navantia CC-BY-SA CIG

Os traballadores das empresas auxiliares que traballan nos dous estaleiros de Navantia na ría de Ferrol decidiron, tras unha votación en urna, a suspensión temporal da folga indefinida que mantiñan desde o pasado 5 de outubro e que estaba convocada en solitario polo sindicato CIG.

Na votación, 681 traballadores apoiaron suspender a folga para negociar e 484 por manter o paro indefinido

A consulta celebrouse desde desde media mañá e até o mediodía nos estaleiros de Fene e Ferrol cun resultado final de 681 votos a favor de paralizar a folga temporalmente e abrir un proceso de negociación cos empresarios, por 484 de manter o paro indefinido, 7 votos en branco e 3 nulos. Participaron un total de 1.175 traballadores, que se corresponden con aqueles que ficharan o 3 de outubro, dous días antes de iniciarse o paro

En Navantia Ferrol foron 478 os votos que apoiaron suspender a folga, fronte aos 221 a favor de mantela. En Navantia Fene, pola contra, foi a segunda opción a maioritaria, con 263 votos, por 203 para desconvocar o paro. A votación foi supervisada polos representantes dos sindicatos CIG, CCOO, UGT e MAS, ademais de polos comités de empresa dos estaleiros. 

A folga indefinida esixía que todas as empresas cumprisen cos acordos salariais asinados en 2001. Daquela, hai máis de quince anos, as condicións laborais (xornadas, soldos e mesmo regulacións internas) das subcontratas do naval eran diferentes segundo a propia auxiliar ou o o estaleiro de traballo. CIG, CCOO, UGT e USO uníronse, mobilizáronse e reivindicaron melloras e igualdade. A finais de ano, as principais compañías asinaron a homologación das condicións de traballo, pactándose unha clasificación profesional dos operarios, unha nómina base e unha xornada e condicións como as do cadro de persoal de Navantia.

Pero chegou a crise. A carga de traballo baixou ata que entre 2013 e 2014 os estaleiros quedaron sen encargos e os despedimentos e o desemprego nas auxiliares alcanzaron cifras históricas. Coa chegada de novos encargos -como o flotel de Pemex- as condicións mudan, tanto pola enorme competencia como pola querencia de clientes e a propia Navantia a reducir custos en medio dunha pésima situación económica. As licitacións dos estaleiros caen, as empresas argumentan non poder competir e moitas auxiliares novas chegan e non respectan os acordos de 2001. Tampouco moitas das que o asinaran os cumpren. Os soldos baixan e as diferenzas entre operarios alárganse.

Tras máis de vinte días de folga, todos os sindicatos pactaron unha proposta conxunta para presentarlles ás empresas

Nesta mesma semana, e logo de máis de vinte días de folga, todos os sindicatos (a central nacionalista, UGT, CCOO e MAS) pactaron unha proposta conxunta para presentarlles ás empresas. Nela recóllese que as auxiliares paguen o 50% dos días de folga e outro 50% como vacacións, ademais de solicitar que aquelas que incumpren os acordos de 2001 -e por cuxo cumprimento loitan os convocantes do paro- paguen o 50% da diferenza de soldo de cada traballador con respecto ao que tiñan que ter cobrado segundo aquelas táboas salariais.

Ao final, todos os sindicatos decidiron someter a votación entre os traballadores das auxiliares se continúan ou non coa folga que comezara o pasado 5 de outubro ou se a suspendían temporalmente para comezar a negociación cos empresarios das melloras salariais e laborais que reclaman. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.