O persoal das contratas de Movistar suma un mes de folga e reclama a intervención da Xunta

Traballadores das contratas de Telefónica-Movistar en Galicia © CIG

Os traballadores e traballadoras galegas das contratas de Movistar-Telefónica están a piques de superar o primeiro mes de folga indefinida (noutros territorios do Estado hai persoal que leva case 40 días). Protestan pola precarización das súas condicións laborais. A pesar da importancia deste paro, que está tendo efectos moi visibles no servizo de telefonía, internet e televisión que ofrece a compañía (e tamén nos doutras empresas que operan a través da liña de Telefónica), a Xunta de Galicia permanece muda ante o conflito e nin sequera iniciou o proceso para fomentar unha mediación a través da Consellaría de Traballo. Nos case trinta días dende o inicio do paro en Galicia (o 14 de abril) houbo varios milleiros de incidencias técnicas que quedaron sen atender, tanto avarías coma un número moi elevados de altas que van sendo adiadas.

Antolín Alcántara (CIG) denuncia que o Goberno galego está "ignorando a lei", e sinala que “tanto a Consellería como a Xunta están claramente de parte de Telefónica, por iso seguen sen actuar”

Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, denuncia que o Goberno galego está "ignorando a lei", e sinala que “tanto a Consellería como a Xunta están claramente de parte de Telefónica, por iso seguen sen actuar”. Alcántara responsabiliza da situación creada á actitude da compañía, sinalando que a folga é consecuencia de que Telefónica decidise “apretar aínda máis” ás contratas para que estas fixesen o mesmo cos seus traballadores.

"O noso traballo esixe desprazarnos por toda a provincia con xornadas de 11 e 12 horas diarias, tamén sábados. Con todo isto non cobramos o salario legal do convenio"

"O noso traballo esixe desprazarnos por toda a provincia con xornadas de 11 e 12 horas diarias, tamén sábados. Con todo isto non cobramos o salario legal do convenio. A maiores temos que pagar o gasóleo e as comidas", destacan os representantes do persoal en folga. "As empresas fan trampas nas nosas nóminas, descontándonos diñeiro do salario como anticipos que non cobramos. Cando un mes non alcanzas a produción mínima, por culpa dos desprazamentos ou moitas avarías, que non son responsabilidade nosa, descóntannos esta cantidade nos meses seguintes", engaden, lembrando que "Telefónica tivo uns beneficios próximos aos 4.000 millóns de euros o ano pasado, pero explotan de xeito indecente aos que facemos o seu traballo". Demandan que se cumpran os convenios, a limitación da subcontratación en cadea ou o recoñecemento do dereito á subrogación do persoal.

Trátase dun sector altamente precarizado, en boa medida pola fragmentación do mesmo, dándose situacións de ata tres niveis de subcontratación para un único contrato coa empresa principal. De feito, dende a propia Telefónica foméntase a competencia entre as contratas, así como a incorporación dos seus extraballadores e extraballadoras (cesados e cesadas nos sucesivos EREs de Telefónica) a esta cadea de subcontratación como autónomos e autónomas, ou a través de pequenas sociedades de nova creación.

Nas catro semanas de que dura xa o conflito en Galicia producíronse ademais varias denuncias por vulneracións do dereito de folga

Nas catro semanas de que dura xa o conflito en Galicia producíronse ademais varias denuncias por vulneracións do dereito de folga. Por exemplo, en Vigo reclamouse ante a Inspección de Traballo unha "actuación contundente" contra Movistar-Telefónica por substituír os empregados das subcontratas en folga con persoal propio. “Entendemos que se está tratando de boicotear unha folga legal das contratas e subcontratas o cal contravén a lexislación laboral e viola un dereito fundamental como o de folga”, engadiron os representantes sindicais. Tamén na Coruña denunciouse que a compañía enviara persoal de Montelnor (unha das contratas) a facer servizos de reparación nunha zona que corresponde a Liteyca (outra das empresas que traballa para a multinacional), por estar os traballadores desta última en folga.

Os traballadores e traballadoras continúan co seu calendario de mobilizacións e o xoves desenvolverán protestas en Vigo e na Coruña e o venres trasladaranse a Santiago para concentrarse diante da Consellería de Traballo. Para apoiar o persoal en folga, a CIG puxo en marcha unha campaña de solidariedade Fondo Contratas Movistar Galiza, a través da venda de bonos-axuda e da apertura dun número de conta no que ingresar cartos destinados aos e ás folguistas.

 

Os sindicatos denuncian "silencio informativo" e buscan fendas na rede

A CIG amósase moi crítica coa actitude mantida neste conflito por UGT e CC.OO., que nun primeiro momento rexeitaron a folga, para despois realizar paros de dous días á semana que paralizaron para abrir unha mesa de negociación en Madrid que non é recoñecida pola CIG e tampouco por AST, CGT e Co.Bas, os sindicatos que iniciaron os primeiros paros en todo o Estado, hai xa 40 días. 

A CGT vén denunciando o "silencio informativo" aplicado sobre este importante conflito laboral na meirande parte dos xornais e na totalidade das canles de televisión e radio

A CGT vén denunciando, así mesmo, o "silencio informativo" aplicado sobre este importante conflito laboral na meirande parte dos xornais e na totalidade das canles de televisión e radio, unha situación que explican polo importante peso accionarial e publicitario da empresa na meirande parte dos grandes grupos de comunicación en España. Esta realidade obrigou os e as traballadoras en folga a buscar novas vías para difundir a súa situación e chegar á opinión pública. E Internet e as redes sociais acadaron un papel protagonista.

A Coordinadora de Informática da CGT salienta a este respecto que "a folga de Movistar é histórica por múltiples motivos; o principal é a unión producida entre milleiros de falsos autónomos e traballadores de subcontratas contra as condicións de escravitude que creou Telefónica-Movistar" e que, a este respecto, "unha coordinación operativa sumamente eficaz e distribuída, apoiada nun uso moi intelixente de sistemas de mensaxería como whatsapp fixo posible que o funcionamiento fora asembleario e á vez extremadamente áxil e reactivo aos acontecmentos. O comité de folga levou sempre a iniciativa". Destacan igualmente a "compoñente social" deste paro, que sitúan como un modelo "sindicalismo ofensivo no século XXI". "Non estamos ante unha mobilización pechada ou puramente laboral, senón que contou coa implicación activa de moitos colectivos e movementos sociais que lle deron un plus de potencia", engaden.

A Coordinadora de Informática da CGT destaca a unión "histórica" producida entre milleiros de falsos autónomos, a súa coordinación a través das novas tecnoloxías e a "compoñente social" da folga

A CGT destaca a intensa actividade das persoas e colectivos que apoian a folga a través de twitter (empregando hashtags de referencia como #ResistenciaMovistar ou #OccupyMovistar), que conseguíu abrir unha fenda comunicativa. Tamén salienta a creación e circulación masiva de vídeos, mensaxes e imaxes que se fixeron virais, e que serviron tanto para comunicar as demandas dos e das folguistas, como para desmentir as visións da empresa ou dos sindicatos CC.OO. ou UGT.

 

Unha situación produto da privatización

Dende o proceso privatizador dos anos 90, iniciado polo PSOE e completado polo PP, Telefónica perdeu máis de 50.000 postos de traballo directos por prexubilacións, ERE e pola desviación destes empregos cara a contratas e subcontratas, que se encargan de facer o mesmo traballo por menos prezo, e que á súa vez incentivaron que moitos dos seus traballadores se convertesen en falsos autónomos. Empresas coma Montelnor ou Liteyca son só algunhas das moitas que en todo o Estado se encargan das funcións técnicas, de instalacións e solución de avarías, da compañías. Mentres que os empregados directos de Telefónica teñen un convenio de empresa, cun salario bruto mínimo de 2008 euros, os de contratas e subcontratas se acollen ao convenio do metal, de ámbito provincial e con distintas condicións en cada caso.

Rolda de prensa ofrecida pola CIG este luns en Vigo. No centro, Antolín Alcántara © CIG
Traballadores das contratas de Telefónica-Movistar en Galicia © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.