O persoal de Alcoa advirte de que resta unha semana para evitar o peche das factorías

'Cadaleito' de Alcoa, ante San Caetano CC-BY-SA Merixo

Cada vez fica menos marxe de manobra. O vindeiro día 5 de outubro expira o prazo fixado pola dirección da multinacional metalúrxica Alcoa para tomar unha decisión a respecto da continuidade das súas factorías en San Cibrao e na Coruña, así como da fábrica asturiana de Avilés. A clave para evitar o peche é que a empresa logre acollerse a unha tarifa eléctrica de grandes consumidores, dado que a enerxía supón o 40% do custo destas plantas de produción de aluminio. A aprobación deste tipo de tarifas é precisamente o que reclamou o persoal de Alcoa esta mañá nas rúas de Santiago. Chegados dende as sedes galegas da compañía, pero tamén dende Asturias, Euskadi e Valencia, en torno a un milleiro de traballadores e traballadoras esixiron "solucións" para poder continuar a traballar.

Acompañados dos alcaldes de Cervo e Xove, os concellos máis afectados por un eventual peche, unha representación dos traballadores foi recibida polo conselleiro de Industria, Javier Guerra quen, segundo explica o presidente do comité de empresa de San Cibrao, José Luis Combarro, lles garantiu que a Xunta coida que o Goberno central podería ter unha solución ao problema o vindeiro día 3. Neste sentido, segundo avanzou tamén o presidente do Goberno galego ao termo da reunión semanal do Consello da Xunta, Mariano Rajoy aproveitou a súa viaxe a Estados Unidos para entrevistarse co presidente de Alcoa. Desa xuntanza, di Combarro, podería saír "algo positivo". A esperanza é o último que se perde", di.

Con todo, a concesión da devandita tarifa eléctrica non é a única demanda do persoal. A empresa, din, debe dar "garantías" de que, no caso de continuar a súa actividade, "conservará os postos de traballo", sen formular "reducións de plantel ou un ERE" entre os seus arredor de 1.500 empregados, só en Galicia. Ademais dos rexedores e do conselleiro tamén manifestaron o seu apoio ás reivindicacións o PSdeG e o BNG, neste caso acudindo á propia manifestación. Pola banda nacionalista o seu candidato á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, subliñou a, ao seu xuízo, necesidade de que Galicia poida desenvolver "unha política tarifaria propia en materia eléctrica" para así poder "poñer en valor a especialización que ten o país" en ámbitos como o metalúrxico.

"O que está acontencendo en Alcoa é a consecuencia de termos un goberno galego carente de política industrial durante estes case catro anos e un goberno central cunha política tarifaria totalmente perxudicial para Galiza", di Jorquera, para quen resulta "evidente" que Alcoa "ten que ter unha tarifa acorde coa súa condición de grande consumidora", a cal debe vir combinada cunha "política que recoñeza a nosa especialización produtiva e favoreza a consolidación das empresas existentes e a localización doutras novas". Nun sentido semellante, pola banda socialista o seu voceiro en materia industrial, José Luis Méndez Romeu, acompañado na mobilización por varios dirixentes do PSdeG de Lugo, veu na actual situación unha mostra máis da "inacción" do Goberno de Feijóo, que "segue cruzado de brazos" mentres o Ministerio de Industria "foxe dos seus compromisos".

Vista da mobilización CC-BY-SA Praza Pública
Jorquera conversa con traballadores de Alcoa CC-BY-NC-SA BNG
Representantes do PSdeG na manifestación CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.