O persoal de Poligal volve esixir nas rúas a continuidade da fábrica tras conseguir paralizar o ERE

© Esquerda Unida

Os traballadores e traballadoras de Poligal manifestáronse este xoves polas rúas de Narón e Ferrol, entre a factoría e a Delegación da Xunta na cidade naval, reclamando solucións que aseguren o mantemento dos seus postos de traballo. A marcha chegou só tres días despois de que o persoal acadase unha importante vitoria no conflito laboral que sosteñen coa compañía, pois o Xulgado do Mercantil de Barcelona decretou a paralización temporal do Expediente de Regulación de Emprego presentado pola empresa, e que ía afectar a máis dun cento traballadores e traballadoras.

A paralización do ERE permítelles  "gañar tempo", o que pode ser moi importante para o futuro dos postos de traballo

Os sindicatos salientan que o feito de que demandaran a presenza nas negociacións de representantes das factorías polaca e portuguesa de Poligal lles permitiu "gañar tempo", o que pode ser moi importante para o futuro dos postos de traballo. Alberte Amado, da CIG-Industria de Ferrol, subliña que arredor do 70% da débeda coa que Poligal pretende xustificar o peche é con outras plantas do grupo, que teñen pendente de abonarlle á fábrica de Narón contías por valor de case oito millóns de euros.

Así mesmo, tamén parece que aumentan as posibilidades de atopar compradores para a fábrica. As informacións difundidas apuntan a que podería haber tres posibles compradores interesados en adquirir a planta situada en Narón.

Podería haber tres posibles compradores interesados en adquirir a planta situada en Narón

A pasada semana tivo lugar tamén unha nova xuntanza da mesa técnica creada no IGAPE para a busca de inversores que dean continuidade á fábrica de Poligal. Por parte da Administración autonómica informouse que se continúa a traballar na busca de posibles interesados e adiantouse que unha das empresas que xa manifestaron o seu interese pediu máis datos e ten intención mesmo intención de visitar a planta nas vindeiras semanas. Porén, non hai aínda ofertas firmes e o persoal anima á cidadanía a apoiar a súa mobilización, que chega xa aos tres meses

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.