O persoal do aeroporto de Santiago vai á folga pola supresión da cantina e o incremento da precariedade

Mobilización do persoal das empresas que operan no aeroporto de Santiago © CIG

Os días 13, 20 e 27 de setembro o persoal das 50 empresas que operan no aeroporto Rosalía de Castro, de Compostela, levarán a cabo unha folga en protesta pola supresión da cantina, pola "cada vez maior precariedade e temporalidade" existente nos aeroportos españois e polo "constante aumento da carga de traballo sen o correspondente aumento do cadro de persoal". O paro desenvolverase entre as 4:30 e as 10:30 horas en cada unha das xornadas. O Comité de folga destaca que "por vez primeira todas as empresas que operan nun aeroporto do Estado español están chamadas a secundar" unha protesta deste tipo.

Protestan pola "cada vez maior precariedade e temporalidade" e polo "constante aumento da carga de traballo sen o correspondente aumento do cadro de persoal"

Os traballadores e traballadoras iniciaron o pasado mes de marzo as mobilizacións contra a eliminación do servizo de cantina, consecuencia da súa eliminación dos novos pregos dos servizos de restauración. Esta supresión tería como consecuencia que os ao redor de mil persoas que todos os días traballan nas empresas instaladas no aeroporto terían que aboar os prezos dos servizos de restauración do aeroporto, que duplican os prezos habituais en hostalaría. 

Segundo o Comité de Folga, este gasto é insostible para moitos dos empregados e empregadas, dados os “salarios precarios (algúns nin chegan aos 500 euros) que teñen moitos traballadores e traballadoras de moitas das empresas”. Este persoal non pode saír consumir fóra do aeroporto, xa que se consideraría un abandono do servizo, como lembra José Antonio Rendo, traballador de Iberia.

Protestas contra a precariedade por parte do persoal das empresas que operan no aeroporto de Santiago © CIG

Coa supresión da cantina, o persoal tería que aboar os prezos dos servizos de hostalaría, que duplican os habituais

Nos últimos cinco meses o persoal afectado levou a cabo todo tipo de mobilizacións dende un cortexo fúnebre nos arredores do aeroporto ata un pic-nic no interior da terminal de saídas. Ademais, presentáronse mocións de apoio tanto no Concello de Santiago coma no Parlamento galego. 

Mesmo chegou a establecer unha mediación a a Subdelegada do Goberno en Galiza, Pilar López-Rioboo. Porén, o persoal solicita a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais no conflito. “A nosa intención é chegar a un acordo e evitar as consecuencias que a folga tería para as usuarias e usuarios”, explica outro dos membros do comité de folga, Antonio Torres, traballador de combustibles de aviación.

Os paros terán lugar os días 13, 20 e 27 de setembro

Os traballadores e traballadoras denuncian que no marco deste conflito a Dirección do aeroporto negouse a recibilos en varias ocasións e non amosou interese por achegar posicións. Ademais das súas denuncias relativas á supresión da cantina e á crecente precariedade, o persoal critica así mesmo a supresión encuberta do servizo de enfermaría do aeroporto e o custo do abono de aparcamento obrigatorio soportado polo persoal, de entre 20 e 30 euros ao mes.

'Cortexo fúnebre' organizado o pasado mes de xuño nos arredores do aeroporto © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.