O persoal que transporta os residuos de Sogama iniciará esta semana unha folga de vinte días

Imaxe da rolda de prensa dos traballadores, este luns © CIG

O pasado mes de febreiro a convocatoria dunha folga no servizo de transporte de residuos de Sogama levou a que o propio Goberno galego alertase de que “a parada da actividade provocaría o colapso na recollida dos residuos a nivel autonómico que, no mellor dos casos, tardaría días en corrixirse, o que, sen lugar a dúbidas, pode provocar serios problemas de salubridade e ambientais”. Mesmo houbo un acordo unánime do Parlamento galego instando a SOGAMA, Consellería de Medio Ambiente, empresa concesionaria e traballadores a achegar posturas para solucionar o conflito. Finalmente, houbo un acordo e a folga foi desconvocada.

En febreiro, ante unha convocatoria de folga semellante, a Xunta advertiu de que “a parada da actividade provocaría o colapso na recollida dos residuos a nivel autonómico"

Dez meses despois, os traballadores e traballadoras de Transportes Pacholo, SL, subcontrata encargada do transporte de residuos sólidos urbanos de SOGAMA, veñen de anunciar unha nova convocatoria de folga en demanda de melloras nas súas condicións de traballo. O paro, que se iniciará o 23 de decembro e que se estenderá de xeito ininterrompido até o 11 de xaneiro, está convocado pola sección sindical da CIG, central maioritaria na empresa.

Transportes Pacholo é a empresa que realiza o transporte de residuos sólidos urbanos entre as plantas de transferencia e as instalacións de SOGAMA e o vertedoiro de Areosa, ou entre as plantas e o tren, que transporta parte do lixo. O concurso público, o segundo maior da pasada lexislatura, foi adxudicado á UTE entre Copasa, Renfe e Logirail, que despois subcontratou a Transportes Pacholo o transporte por estrada.

Os traballadores demandan que o cadro de persoal sexa fixo, que se cotice por todos os conceptos da súa nómina, que se estableza un cuadrante de traballo para todo o persoal e que se respecten as condicións mínimas de saúde laboral "que, dadas as características deste traballo, non son unha cuestión secundaria". Inácio Pavón, representante da CIG, fixo especial fincapé en que as malas condicións laborais danso no marco dun concurso público que considerou exemplo de “como as subcontratacións supoñen mais miseria e peores condicións de traballo para os traballadores e traballadoras”.

A CIG responsabiliza a SOGAMA de ser responsable de deixar aos traballadores desprotexidos

Pavón responsabilizou a SOGAMA de ser responsable de deixar aos traballadores desprotexidos para que as empresas, como Transportes Pacholo ou a UTE entre Copasa, Renfe e Logirail “os exploten con condicións de miseria, rebaixando drasticamente as condicións económicas da contrata anterior”. E afirmou que “resulta impresentable ver como SOGAMA gasta inxentes cantidades de diñeiro público en propaganda do seu sistema de xestión do lixo e se desentenda das condicións e da seguridade no traballo dos empregados e empregadas do servizo que ofertan”. Pavón denunciou ademais as "presións" que a empresa "está a exercer, sobre todo, cos traballadores máis vulnerábeis, presións que se traducen en ameazas de despedimentos e mesmo a exixencia de que se dean de baixa da CIG e que lles entreguen un papel asinado que así o confirme"

Os traballadores anunciaron mobilizacións para os vindeiros días e de non solucionarse o conflito con esta folga, adiantaron que convocarán máis xornadas de paros, sen descartar mesmo a convocatoria dunha folga indefinida. Este martes está convocada unha concentración diante do Parlamento, ás 10 horas, onde tentarán falar cos grupos parlamentarios exixindo o cumprimento do acordo da cámara que pedía a creación dunha Comisión entre a consellaría de Industria, a empresa, Sogama e os traballadores para buscar unha solución definitiva a este conflito e abordar tamén a cuestión da subrogación.

Este martes está convocada unha concentración diante do Parlamento, ás 10 horas, onde tentarán falar cos grupos parlamentarios

Dado que a previsión de duración da folga é de case 20 días, desde a CIG xa puxeron en marcha medidas para apoiar economicamente os traballadores. "Os cartos que lle corresponden aos trabaladores, da caixa de resistencia do sindicato que corresponden a afiliados/as que participen na folga, vanse pór ao dispor de todos os traballadores/as que participen para que as perdas ocasionadas pola folga se minimicen”, destaca o sindicato.

Imaxe da rolda de prensa dos traballadores, este luns © CIG
Concentración dos traballadores de Transportes Pellejero o pasado mes de febreiro © CIG
A folga iniciarase o día 23 © CIG
Tren transportando lixo a Sogama © Sogama

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.