O peso das mulleres autónomas en Galicia supera en dez puntos a media da UE

Autónomos de Galicia, durante un acto © AUGA

Galicia é a comunidade autónoma do Estado onde o emprego autónomo feminino ten maior peso. É o que destaca a asociación Autónomos de Galicia (AUGA) na conmemoración do Día da Muller Traballadora que se celebra este domingo. O voceiro da entidade, Lisardo Domínguez, destaca que en xaneiro de 2015 había 90.360 mulleres autónomas, "o que supón un 41,8% do total".

A porcentaxe de mulleres autónomas en Galicai é de case o 42%, máis de dez puntos máis que a media na UE

Domínguez destaca que “os datos galegos son se cabe máis interesantes se temos en conta que a porcentaxe de mulleres no colectivo en España é de 35,2% e a media da UE é de 31,5%”. xa que logo, o dato galego é máis de dez puntos superior ao do conxunto de Europa. Ademais, estas últimas cifras son superadas en todas e cada unha das nosas provincias. Dende AUGA apuntan que “en todas as provincias galegas vencemos a media española e a europea, rondamos a barreira do 40% ou a superamos". A provincia na que as mulleres autónomas supoñen unha maior porcentaxe con respecto ao total de traballadores por conta propia é Lugo cun total de 15.592, o que supón un 42,8%, seguida da Coruña con 37.334 e un 42,6%, Pontevedra, con 27.264 e un 40,9% e Ourense con 10.280 e un 39.8%”

Lisardo Domínguez destacou a tendencia ao crecemento de autónomas neste último ano pois “con respecto ao mesmo período do 2014 cando contabamos con 89.608 mulleres autónomas, sumamos en Galicia unhas 752 mulleres máis". "O incremento chegou a rexistrarse en todas as provincias menos en Lugo, única na que tivemos que restar ata 203 traballadoras por conta propia, A Coruña sumou 405, Pontevedra, 400 e Ourense 153”, destaca. 

Hai sete anos, no comezo da crise, había 10.500 mulleres autónomas máis en Galicia

Malia todo, AUGA destaca que “a pesar destes datos", non se chega a alcanzar as cifras que se rexistraban antes da crise. "Por xaneiro do 2008 tiñamos en Galicia un total de 100.928, 10.568 máis das que contamos neste ano".  "Cremos extremadamente importante que o goberno galego se conciencie do peso que a muller autónoma ten na nosa comunidade e aposte encarecidamente polo colectivo das mulleres autónomas en Galicia”, din. 

Melloras para as autónomas

Dende AUGA esixen que "se sigan dando pasos adiante en materia de igualdade e conciliación" e propoñen que “se facilite o acceso á financiamenteo, tanto para as mulleres mozas que se dispoñen a emprender como para aquelas que xa levan anos loitando polo seu negocio e que o Goberno desenvolva o dereito á xubilación anticipada aos 61 anos para mulleres autónomas podendo ser beneficiarias da prestación por cesamento de actividade, fomente plans de continuidade nos negocios para mulleres maiores de 55 anos e aumente as bonificacións existentes nas cotas á Seguridade Social para recoñecemento de altas en caso de todas aquelas que realizaron a súa labor como colaboradoras en negocios familiares”.

Autónomos de Galicia piden "máis pasos en materia de igualdade e conciliación" para as mulleres

En materia de conciliación, o portavoz de AUGA lembrou que pretenden que a conciliación da vida laboral e familiar no colectivo autónomo "sexa real e efectiva" e para iso destacan un proxecto pioneiro que se está levando adiante no Concello de Vilagarcía de Arousa, o Proxecto Equilibrio Balance que ten como finalidade a implantación de medidas e plans de conciliación nas empresas e negocios da zona, "un exemplo no que cremos que se deberan reflexar todos ou a maioría dos municipios galegos”.

Autónomos de Galicia, durante un acto © AUGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.